A escaleira mecánica

Manuel Dafonte

Emprender é como tentar subir por unha longa escaleira mecánica que está a baixar. Se te paras nalgún momento, axiña estás de novo no punto de partida. Se o teu ritmo de subida é o mesmo que ten a escaleira ao baixar, nunca chegarás ao “andar de riba” e quedarás atrapado na escaleira ata que as túas forzas fallen e volvas ao principio.

Se o teu ritmo de recursos, traballo, equipo ou sorte é máis potente que o da escaleira, pdoerás chegar ao seguinte nivel. E aí, volta a comezar, porque a primeira escaleira mecánica dá paso á segunda, e esta a unha terceira, e así sucesivamente.

En conclusión, namórate da escaleira e o teu emprendemento sempre será apaixonante e exitoso.

En ASCEGA sabemos moito de escaleiras e de como axudar aos emprendedores a intentar subilas, pero preocúpanos que haxa persoas que se arrisquen a tentar subir pola escaleira mecánica que baixa, pensando en que o seu proxecto de negocio será capaz de superar todos os obstáculos, no canto de optar por non emprender e coller o ascensor: menos apaixonante a viaxe, sen dúbida, pero moito máis segura para quen prefire que lles digan o que se espera laboralmente deles.

Os coruñeses máis vellos aínda lembran como en Barros ou no Pote moitas persoas ían polas tardes só para probar aqueles dispositivos que, con banzos como fauces, parecían querer devorarte xusto ao chegar ao piso de arriba.

Aqueles si que eran emprendedores arriscados!

Outros moitos, con todo, vendo o “monstro” preferían subir nos ascensores que, polo menos, eran “pilotados” por un señor uniformado e deixábante san e salvo na planta de deportes ou na de música.

Uns non eran mellores que os outros. E, desde logo, os das escaleiras mecánicas non necesariamente chegaban máis rápido nin máis alto á planta elixida, con todo algo os facía especiais, mesmo admirables.

Máis tarde, todo se normalizou. Ao ver que os dentes mecánicos non mordían, máis xente se animou a subir por esa alfombra gris de aceiro estriado e máis dun, ao chegar ao piso de riba, caeu ao chan e mancouse bastante (pura estatística: aumentan os “valentes” e aumentan os “feridos”).

En ASCEGA preocúpanos -hoxe máis ca nunca- que moitos de nós, especialmente os maiores de cincuenta, non sexamos capaces de atopar ese “ascensor”, simplemente porque xa non está, porque o quitaron, e que só nos quede a famosa escaleira mecánica de baixada onde nos vemos abocados a “emprender” si ou si.

E cando afirmamos con rotundidade que non todo o mundo debería ser emprendedor (porque non sempre “querer é poder”, tamén nos preguntamos con preocupación que podemos facer por aqueles aos que a vida non lles deixa hoxe máis opción que emprender aínda que non queiran.

Por iso queremos dicirlles a eses coruñeses que estean a pensar en emprender por necesidade que veñan a ASCEGA, que non somos unha asociación de empresarios ao uso, que a nosa misión é axudarlles a non cometer os mesmos erros ca nós e que somos persoas que os imos entender porque, non hai moito, estivemos en situacións moi parecidas ás súas.

E se ao final non lles queda máis remedio que “subir pola escaleira”, dicirlles que tamén podemos ensinarlles a ir “namorándose” aos poucos da moi… “emprendedora”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s