“O Museo de Automoción percorre a historia”

Foto: Fundación José Jove

Un proxecto de lecer, investigación e formación que enriquecería a Coruña. O presidente da Fundación Jorge Jove define así o Museo de Automoción e Historia, un “percorrido pola historia da humanidade tomando como fío condutor o automóbil”. Unha colección privada de ducias de vehículos que resulta de décadas de coleccionismo e que aínda non atopou o seu acomodo definitivo. Logo de anos de incerteza, o novo goberno local deixaba entrever o pasado verán a posibilidade de levar adiante o proxecto no parque de Bens ou noutra área da cidade. Completaríase así unha idea que naceu hai máis de dúas décadas e que dende o principio apostou por constituírse como un polo de desenvolvemento turístico e tecnolóxico para Coruña, cidade coa que a familia Jove mantén un estreito compromiso.

“Nacín na Cordelería e aquí fixen o meu primeiro peso” sinalaba Ángel Jove Capellán, unha frase que lembra o seu fillo Ángel Jove, presidente da Fundación Jorge Jove, e responsable da organización deste proxecto. Coa dquisición dun SEAT 1500 comezou a tomar forma o fondo da colección. Logo chegaron novas pezas e pensouse na necesidade de dotar de medios humanos e técnicos que desen soporte á idea. Os fillos de Ángel Jove Capellán, Jorge e Ángel, vecelláronse inmediatamente co mundo da restauración. O primeiro, atraído por todo tipo de artiluxios relacionados coa historia e a súa evolución. Pola súa banda, Ángel, conquistado polo apaixonante patrimonio que supoñen a automoción e mais o automobilismo clásico. Deste xeito, a idea persoal de Ángel Jove Capellán contou coa rápida e entusiaste adhesión dos seus fillos. Por desgraza, Jorge finou en 1998, cando a colección estaba a definir as súas liñas de crecemento.

En 1999, aproveitando unha entrevista no Círculo de Dirixentes, Ángel Jove, declaraba publicamente a intención de crear unha fundación ou museo do coche clásico que levara o nome do seu fillo falecido. A vinculación co proxecto do seu fillo Ángel foi total. Pai e fillo puxeron especial interese en perfeccionar e mellorar a colección e, simultaneamente, os antigos almacéns de ANJOC reconvertéronse en obradoiros de restauración e reconstrución de vehículos antigos, captando para este labor mecánicos expertos que proviñan de grandes marcas e que formaban novos expertos en restauración de automóbiles de época. Íanse perfilando, tamén, outros fíos condutores para amosar a historia do século XX.

Coa chegada do novo século, e seguindo as directrices do fundador, a colección privada deu paso a unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter marcadamente galego e coruñés, que ten entre os seus obxectivos construír, desenvolver e xestionar o Museo de Automoción e Historia, así como impulsar a investigación histórica da automoción en todas as súas facetas e fomentar a formación de profesionais implicados nestes sectores, así como a difusión pública de estudos e iniciativas que contribúan ao coñecemento por parte da opinión pública destas actividades. Ángel Jove insiste en que nesta carta fundacional do museo se reflicta de xeito nítido a superación do proxecto de lecer familiar cara a un complexo museístico, divulgativo, investigador, formativo e de lecer.

As dúas grandes preocupacións que aniñaron na cabeza do presidente da Fundación Jorge Jove foron que non se perdan os coñecementos e que o proxecto sexa sostible. Entre as xoiasda colección atópase un Buick de 1925. O equipo de restauración inclúe a última xeración que domina e coñece algúns oficios coma o de caldeireiro. “Gustaríame que puidera formar outros mozos para conservar a pericia dun home que aprendeu a traballar en Galicia e perfeccionou o oficio en Arxentina. Ten técnicas que só el coñece porque as aplica por intuición”, o que constitúe “un patrimonio que non podemos deixar que marche con el”. A idea é ofertar formación especializada sobre restauración e reconstrución de vehículos ata crear unha escola de restauradores baseada na excelencia”.

Unha tarefa posible se temos en conta a documentación que atesoura a Fundación. Ángel xa sabe como facernos entender mellor as dimensións dos fondos documentais: “como seis tráileres ateigados de documentos”. Entre eles, a documentación de PEGASE e IVECO e de Hispano Suiza. Ademais da colección acumulada pola familia Jove.

Antes ou despois, o Museo de Automoción e Historia será unha realidade e as coruñesas e os coruñeses poderemos desfrutar del. Pero, ademais desa vertente divulgativa e turística, o Museo suporá un polo de atracción para o estudo da tecnoloxía e a súa relación coa evolución da nosa sociedade. Formaranse novas xeracións de restauradores que porán no mapa da excelencia da reconstrución e restauración de vehículos antigos tanto a Coruña como Galicia. Un proxecto de enorme valor engadido que redundará nunha chea de postos de traballo directos e indirectos. En definitiva, un soporte importante para a Coruña do século XXI.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s