Médico, poeta, guerreiro viquingo e peregrino

Ilustración de Daniel Pino

Cristóbal Ramírez

Xa na Idade Media a cidade da Coruña era unha xoia. Ou, mellor, érao o seu porto. Porque a maioría dos peregrinos que proviñan do norte de Europa embarcaban nos seus lugares de orixe rezando diariamente para que puidesen albiscar os seus peiraos, posto que isto quería dicir que nin os monstros mariños devoradores de barcos que se pensaba que inzaban os mares nin as tempestades puideran evitar que arribasen sans e salvos.

Un destes peregrinos chamábase Hrafn Sveinbjarnarson e era islandés, illa pola cal dende o ano 1000 se espallara o cristianismo de man de monxes escandinavos e onde houbo un hospital que acollía aqueles que querían chegar á Coruña e a Compostela, esperando que houbese un barco que os levase.

Ese pai de polo menos nove fillos coa mesma muller tiña unha dobre profesión curiosa: era o caudillo da súa xente, pero rompía coa imaxe de xefe de clan que se estendeu hoxe, groseiro, salvaxe, cruel e especialmente inculto. Porque Hafn Sveinbjarnarson era médico, igual que se u pai, e formárase nada menos que na universidade da localidade italiana de Salerno, nun núcleo que irradiaba saber na Europa daquel tempo.

Home culto e relixioso, peregrinou a Roma primeiro e a Santiago máis adiante polo Camiño Inglés, aínda que non temos claro cando. Algúns historiadores din que pisou chan galego en 1195, pero outros afirman que foi en 1213. Isto último semella improbable, se ben en calquera caso, e como fai notar un grande estudoso xacobeo, o sarriao Manuel F. Rodríguez, todo apunta a que foi o primeiro peregrino que partiu daquela fría illa.

A súa viaxe foi movida. Non só polas ondas, senón pola incerteza  e os cambios que sobre a marcha decidía o propio Hrafn Sveinbjarnarson. Inicialmente quería tan só visitar a tumba do santo Thomas Beckett, que morreu asasinado, así que embarcou a Noruega -travesía habitual dos islandeses-, pasou alí o inverno e cando os días medraron subiu a outro barco que puxo proa a Inglaterra, xa que o corpo de Beckett descansaba na localidade de Canterbury.

A Coruña foi durante toda a Idade Media un importante porto para as peregrinacións

A documentación di que nalgún momento tocou Francia, pero dende alí embarcou para plantarse canto antes en Galicia, e, desta si, tivo que “sufrir tormentas terribles por algún tempo”. Tampouco falta quen diga que foi ao revés: primeiro embarcou en Inglaterra cara á Coruña e despois regresou por Francia. É algo que non queda claro na saga que sobre el escribiu arredor do ano 1228 un sacerdote, documento que pasou séculos no máis absoluto dos esquecementos ata que foi publicado en 1858, dentro dun movemento nacionalista xurdido no seo do pobo islandés e que tempo despois daría lugar á súa independencia e ao nacemento do Estado que hoxe é.

Non sabemos que impresión causou Galicia a Hrafn. Sabemos que volveu -de novo, todo apunta que dende o porto da Coruña- imbuído dun sentimento relixioso máis potente que ao partir. Pero este peculiar peregrino, que casou ao regreso á súa terra natal e que foi poeta-guerreiro (o que se coñece como escaldo) do qu por desgraza non se conserva ningunha composición, era tamén o caudillo, e conducindo á súa xente chocou armas en man cun dos seus pares chamado Snorrason e quen, dende logo, xamais estivo en Galicia segundo as fontes históricas.

Nun deses enfrontamentos foi capturado. De nada lle valeu o seu sentido cristián da vida nin que, como médico, nunca deixara de atender a ninguén por razóns económicas: un 4 de marzo foi decapitado. Como no ano 44 acontecera co seu adorado Apóstolo Santiago, ante cuxos restos humanos se axeonllara tempo atrás.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s