Pérez Porto, ceramista da tradición galega

Francisco Pérez Porto

A cerámica de Francisco Pérez Porto consegue reflector o país, e a súa obra espállase por vilas e cidades dotándoas de cor. A súa historia é a dun home que renunciou, nos tempos de Astano, a un “bo soldo” en troco da súa paíxon: a pintura e a cerámica. Desta experiencia no departamento técnico do estaleiro aproveitou as matemáticas, a xeometría, a arquitectura e a disciplina dunha empresa. Porque na cerámica, en pezas de grande volume, son precisos cálculos e nocións de arquitectura para conseguir un resultado óptimo.

“Eu son feliz traballando”. É unha expresión que Pérez Porto repite constantemente. Por ese afán de traballo que caracterizou sempre a súa traxectoria artística, as súas obras están espalladas por toda Galicia e máis alá. Na Coruña, ten unha homenaxe a Alexandre Bóveda e un mural no castelo de San Antón. No Museo Carlos Maside de Sada, unha homenaxe a Castelao. Galicia, Portugal e Francia son os países que dan testemuño da súa obra, do traballo dun dos grandes ceramistas que deu reflectido o país, o seu mundo rural e popular. A súa traxectoria estivo moi ligada a isaac díaz pardo, que soubo ver nas súas primeiras exposicións o talento do ferrolán.

Foi nunha exposición na galería Sargadelos de Santiago de Compostela. “Dixéronme que Isaac Díaz Pardo quería falar comigo, e ofreceume un espazo” para traballar. “Empecei con el cos monumentos, cun encargo que me fixo dunha fonte dedicada a Castelao para o Museo Carlos Maside. Empecei a desenvolver as pezas, inaugurouse e comezaron a choverme monumentos”, resume o ceramista. Para el, Isaac foi o creador máis importante de mediados do século XX, un “xenio xeneroso” para a terra, que “renunciou á pintura por crear Sargadelos, espallar a nosa cultura e achegar a arte a todas as mans dos galegos”.

Pero esta non foi a súa primeira exposición. Logo de ter pasado por varios obradoiros para aprender ben a técnica da cerámica, a súa primeira exposición foi no Casino de Ferrol alá polos anos 70. Foron 150 pezas, algunhas delas rotas e reparadas posteriormente. “Ata as rotas se venderon”. Un éxito premonitorio da súa traxectoria posterior.

Foi mestre en Sargadelos nunhas xornadas internacionais celebradas todos os veráns. “Viña xente de todo o mundo e eu fun o responsable durante anos”. Tamén tivo un bo trato en Lugo, onde realizou diferentes accións e traballos. En Ourense, “Isaac mandoume a Benposta para montar unha escola de cerámica”. Son algúns dos pasos que foi dando o artista, nado nunha familia na que o contacto coa arte era constante. Cunha avoa “pianista con título de virtuosa” ou un pai, Xosé María Pérez Pallaré, poeta. Quizais por iso, aínda hoxe canta Pérez Porto romances en galego.

Comezou coa pintura, que non abandonou. De feito, antes de cada feza fai unha acuarela sobre a mesma. Axiña evolucionou á cerámica, na que a cor é un elemento potente e onde buscou, sempre, a tradición. Sen deixar de “mirar cara adiante” e defendendendo a cultura, explica o artista, quen rememora o “Maio que fixen potente nun tempo onde pouca xente sabía o que era”.

Cor e respecto ao material
Da traxectoria de Pérez Porto extráese unha evolución da olería, de facer as cousas sen utilidade física. “A xente, cando escoita cerámica, ve un cacharro, pero iso superouse”, sinala o artista, reivindicando o respecto polos materiais, a cerámica traballada “de dentro para fóra”, e non traballándoa “como se fose madeira, cristal ou pedra”, xa que “se perde expresión”.

Si defende, por exemplo, o uso do molde para algunhas pezas. “É unha forma dignísima de facer cerámica, dá opción de repetir”, explica, aínda que admite que “normalmente non o uso”. Pero esta opción aprendeuna do seu paso por Sargadelos, como colaborador externo. “Tiven contacto coa cerámica industrial e iso achega unha visión moi completa e dá unha perspectiva nova ao traballo”, explica. E “aínda que todo o mundo o critica” -o molde-, “é xustamente idóneo para fabricar cerámica”.

A súa obra destaca tamén pola cor. “Sempre me gustou e sempre defenderei a cor en Galicia, que comezou coa pedra”, explica. E, de feito, asegura que “o Pórtico da Gloria, os cruceiros…” tiñan cor. Era “un país gris cheo de cor”. “Sempre o defendín e criticáronme por iso”, sostén o artista, quen recorda que agora “vaise pintando”.

Sinalización para os camiños
Pérez Porto foi o artista que sinalizou o Camiño de Santiago en 1992. Era para o tramo Pedrafita- Santiago de Compostela. Fixéronlle a proposta, el trasladou o seu traballo, gustou e encargáronlle as pezas. Aínda que lle pararon temporalmente o proxecto, finalmente seguiu adiante e, hoxe, é “sinalización oficial” deste trazado.

Santo André de Teixido espértalle grande “paixón”. Ten na casa unha vitrina con sanandresiños e, mesmo seu pai, escribiu un poema nos anos 60 alcalde de Cedeira en relación cun proxecto que quería facer na Capelada, de colocar un monumento ao cabalo. Hoxe, Pérez Porto conserva as cartas que ambos intercambiaron.

Aos seus 81 anos, Pérez Porto non para de traballar, aínda que admite que lle chama traballo porque se denomina así, pero para el “non é tal”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s