
O Concello anunciou hoxe a súa intención de acometer en breve obras de mellora do parque infantil da Praza Elíptica do barrio dos Rosales “co obxectivo de optimizar a dotación de xogos infantís mediante a ampliación e renovación da actual área existente”, intervención que xustifican pola “significativa demanda dos nenos e nenas”. O Goberno local promete a creación dun novo parque infantil “moderno e innovador” que procura crear un “espazo singular” no corazón do barrio.
As obras previstan contemplan a retirada dos elementos de xogo infantil que serán substituídos por novos xogos e mobiliario urbano, así como a demolición do canto rodado para instalar no seu lugar pavimento de caucho continuo e céspede artificial. Na zona de lecer dos máis pequenos instalarase uha randeeira berce, mentres que na área de maiores se situará unha nova randeeira múltiple e mais un elemento de xogo dinámico.
A Concellería de Urbanismo e Infraestruturas sostén que os novos xogos aumentarán “considerablemente” a oferta actual do parque. Neste sentido, argumentan que a actuación é unha vella demanda da veciñanza.