
O adestrador do RC Deportivo Fernando Vázquez foi o protagonista dunha entrevista en Radio Marca na mañá de hoxe na que deixou ben clara a súa opinión sobre a polémica medida denominada pin ou veto parental aplicada polo Goberno da Rexión de Murcia. O técnico deportivista referiuse á medida como “unha merda” e chamou á confianza no profesorado, “o máis bonito que pode ter un país” e un colectivo que non debe ser “sempre posto en dúbida”.
Vázquez está a ser unha das estrelas da tempada, logo de ter conseguido devolver a ilusión ao terreo de xogo e ás gradas do Deportivo. O técnico, que é ademais docente, posiciónase así no debate social aberto arredor dunha medida coa que se pretende impedir a participación de alumnado en actividades académicas complementarias cuxos contidos non concorden coas conviccións morais dos seus pais e nais, abrindo a porta á posibilidade de censura de contidos educativos.