Redebuxar o mapa pola mobilidade

Para Héctor Tejón, o mapa da cidade redebuxouse cando foi diagnosticado con esclerose múltiple. Un home na trintena que de súpeto convivía cunha diversidade funcional que alteraba as posibilidades de mobilidade en espazos que coñecía de sempre. Cando a Coruña asegura querer sumarse á onda das cidades europeas pensadas para o peón, falamos cun coruñés que pode compartir unha mirada realista, cotiá, sobre os desafíos que unha transformación así pode traer consigo.

O día comeza cunha pequena decepción coa administración. Héctor diríxese á Dirección Xeral de Tráfico para enfrontar a burocracia da solicitude do bonotaxi. Foi inesperado, xa que este ano, por primeira vez, solicitáronlle certificar que non é titular de ningún vehículo para ser beneficiario do servizo. Parécelle ben, aínda que é unha molestia engadida e, especialmente, evidencia o descontrol que durante anos existiu na fiscalización dun servizo que para algunhas persoas resulta crucial. “O propio proceso administrativo é de por si unha primeira criba”, sinala, xa que se trata de ver “cantos poden aturar o suficiente para superar estes trámites, como pasa con becas, taxas e axudas en xeral”. Opina que se trata dunha mostra máis da infantilización administrativa e social das persoas con diversidade funcional. “O normativo, abstracto e aséptico, subsume a realidade que se vai desenvolver en espazos deseñados”, opina, poñendo o exemplo de cuartos de baño adaptados onde “hai moito espazo e están ben como infraestrutura, pero teñen un problema tan básico como que a porta é abatible e non corredeira”. Isto mostra que “é necesario que haxa órganos con persoas con diversidade funcional á hora de deseñar estes espazos, para que respondan a demandas reais de forma adecuada”.

Pero a administración só reflicte a sociedade que representa. Héctor sinala unha “mirada infantil” sobre as persoas con diversidade funcional. El normaliza a súa situación no seu círculo de amizades a través dun elaborado humor negro, pero sinala moitas consecuencias molestas sobre a súa vida diaria que ocasiona a visión existente sobre o seu colectivo nas persoas que se autodefinen como normais. “Fas de psicólogo nas paradas de bus, e como tampouco te podes mover tes que aturar á xente que che conta toda a súa vida, porque ademais vas necesitala para algo tan simple como ticarche a tarxeta do bus”, conta, lembrando que “aínda que a xente se poida sentir agredida se das unha resposta cortante, no fondo o agredido es ti”. “Pero é que hai xente que mesmo baixa o ton de voz para dirixirse a ti, como se falase cun neno”, conta a continuación, mentres vai tirando do fío das experiencias molestas. “Logo están as axudas non solicitadas, ou invasivas”, que afectan á independencia do individuo. Persoas que “sen pretendelo, por descoñecemento e por non escoitarte”, agarran ás persoas con problemas de mobilidade, móvenas de forma brusca e mesmo chegan a mancalas. “Eu son o primeiro en agradecer que me abran unha porta”, aclara, pero “non me gusta ter que tirar da xente para que me axude”. “Temos que desaprender moito do aprendido”, opina daquela, xa que cómpre “falar dos coidados, de quen os constrúe e os distribúe, para que sexan unha creación colectiva e non un comportamento caritativo construída sobre o paternalismo, sobre a idea do corpo caído”.

O fútbol e o cine
Se hai algo que non mudou na vida de Héctor nestes anos foi a súa paixón polo Deportivo. Socio fiel, é un habitual dos encontros deportivos de Riazor. Non se queixa pola accesibilidade do estadio. El móvese nunha cadeira motorizada e dispón dunha rampla adecuada “ao contrario do que pasa en moitas zonas da cidade, con ramplas de demasiada pendente”. “Se vexo que estou ben de corpo vou ao meu asento do estadio, pero noutras ocasións vou ás zonas asignadas para as persoas que imos en cadeira de rodas”, explica. “O problema é que, como pasa sempre coas persoas con diversidade funcional, non temos dispoñibles precisamente as mellores localidades do estadio”.

“Cando vou ao cinema”, continúa na cafetería accesible á que nos trasladamos, “atopo que as butacas que nos reservan son as de primeira fila: non abonda con ter un funcionamento ou outro do corpo, por riba a sociedade prémiate poñéndote nos peores sitios”. “Vaste facendo amigo da xente que traballa alí de todas as veces que vas, e axúdante, pero xa vas co teu e por riba acabas con dor no pescozo”.

Sobre outros lugares de lecer, coma os pubs, Héctor fala claramente: “hai eidos estigma, que funcionan de distinta maneira por dous motivos: porque teñen mala accesibilidade e porque ti, con diversidade funcional e movéndote en cadeira, atópaste convertido nun pigmeo, vendo cinturas e cadeiras”. O “funcionamento estético dos corpos” é unha barreira mental, e o feito de comprobar que non se pode bailar coma antes “é unha movida, a nivel psicolóxico”. En resumo, “nin eses locais son de doado acceso nin moitas mentes e corpos bípedos favorecen a integración do diferente”.

Acceso universal
A falsa percepción do que é ou non é normal tamén é unha barreira na vida dos individuos con diversidade funcional. “Cando nós pedimos ramplas, estamos pedindo algo que pode usar todo o mundo, por iso é universal”, defende, pondo o exemplo da estación de autobuses “onde a rapazada cargada de maletas escolle a rampla antes que as escaleiras”. “Que me vexas aquí sentado non debe moverte á pena por min”opina. “Porque, no fondo, estaste vendo a ti dentro de corenta anos, así que deberas sentir pena pola túa visión do mundo”.

Pero hai esperanza para mudar as mentes. “É curioso como cando falas coa xente das eivas da cidade e vai medrando a empatía, pasan de dicir tendes que facer algo a dicir que temos que facer algo con esa problemática”. Héctor recorda que Javier Romañach Romero, importante activista social pola diversidade funcional e enxeñeiro informático de prestixio, lembraba que ninguén vén ao mundo camiñando e poucos marchan del andando. “A accesibilidade universal significa que nalgún momento todos imos pasar por unha condición en que nos axude dispoñer dela”, asevera. “Se rompes un pé e vas con muletas, ou tes un fillo e o levas en carriño, vas flipar coa cidade onde vives”.

No autobús
Os autobuses da Coruña contan con ramplas de acceso e espazos reservados para cadeiras de rodas. “Pero a empresa fai un 2×1 asignando o mesmo espazo aos carriños de bebé, e neses espazos non collen dúas cadeiras de rodas nin unha cadeira e un carriño”, denuncia. Outras veces a rampla de acceso non funciona “e tes que esperar polo seguinte bus”. “Nesas situacións teño chiado á empresa polo twitter e respóndenche que as ramplas poden quedar inutilizadas por acumular po, isto é, por falta de coidados”, critica. E lembra mesmo ocasións en que o bus sofre unha avaría e a rampla deixa de funcionar para baixar, ante o que ten que recorrer a axuda do condutor ou outros viaxeiros.

Os condutores de bus levan anos queixándose pola antigüidade da frota coruñesa. Héctor conta que “na zona para as cadeiras de rodas, hai un botón para solicitar parada e rampla que ás veces non funciona”, ante o que “teño que berrar como se estivese comprando peixe na praza de Lugo para que me paren, ou que pasen o recado outros viaxeiros ata o condutor”. Critica que en ocasións o botón non funciona porque o propio condutor ten a potestade de desactivalo. Por sorte, hoxe en día moitas das paradas están niveladas para permitir unha saída doada, pero segue a ser necesaria a rampla para vencer a diferenza de altura.

Un cambio de mentalidade
Héctor recibe ben a idea de establecer a zona 30 no espazo urbano, pero prefire a cautela antes de ver como salta o proxecto do papel ao asfalto. “Depende de se son vías de dobre dirección ou non, e aí pode estar o problema”, e terminar sendo un proxecto aplicado principalmente ás “rúas interiores de certos barrios”.

Lamenta que “os tempos da cidade se deseñen sobre todo tendo en conta as necesidades do vehículo” antes que a dos peóns, cando “son os corpos, as persoas, quen dan vida á cidade”. “Como é posible que na estación de tren vexamos persoas de 70 anos cargando con maletas e correndo para poder cruzar a rúa a tempo?”, denuncia, preguntándose por que “o tempo do peón vale menos que o do condutor”.

“As humanizacións están moi ben”, recoñece, pero lamenta que se concentren en áreas concretas da cidade co mero afán de competir co paseo marítimo, en vez de reconectala interiormente pensando nos peóns. “Debería haber unha verdadeira comunicación radial co carril bici”, engade, mentres considera “necesaria” a ordenanza sobre os patinetes.

No fondo trátase pois de escoller entre modelos de cidade: o do vehículo (“atropelos, contaminación”) e o do peón. E para iso van facer falla multas e cambiar mentalidades, “porque de nada serve limitar a velocidade a 30 se non cambia o hábito de saltar os semáforos ou os pasos de peóns” por parte dos condutores. “Na miña rúa, peonil, moitas veces os coches bloquean a saída e ante as queixas non che fan caso”. Recorda que “vivimos en Galicia, cun envellecemento poboacional grande e onde doenzas como a artrite son frecuentes”, para esixir que os condutores sexan conscientes de que un coche “non te converte no señor feudal” para obrar á vontade.

Na tesitura dunha cidade que agreda ao peón, “que autonomía se nos vende ás persoas condiversidade funcional?” pregúntase. “O que nós pedimos son infraestruturas para todos, para calquera momento da vida dunha persoa”, e non “paliar necesidades de forma asistencialista, como se debesemos algo polo favor”, aclara. Héctor reflexiona que “cando te ves nunha destas, reformulas moitos aspectos da túa mirada”. Ao fin e ao cabo, o que debe facer unha cidade como colectivo e espazo é o mesmo que debe facer o individuo para conseguir unha sociedade para todas as persoas: “desaprender para aprender”.

One comment

  1. Excelente artigo que amosa unha visión desde unha perspectiva das persoas que sofren a diario as eivas de mobilidade. A poñerse as pilas con isto as administracións!

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s