
O proxecto “Sementando participación” reunirá mañá 232 nenas e nenos para compartiren coa Corporación municipal as súas inquedanzas e ideas para a cidade. A alcaldesa Inés Rey encabezará a delegación municipal no encontro que terá lugar ás 10:30h no Centro Ágora ao que asistirán representantes do alumnado do CEIP Alborada e do Fogar de Santa Margarida, nunha iniciativa impulsada pola Fundación Educo.
A idea comezou cunha serie de obradoiros no primeiro trimestre do curso para familiarizar cos dereitos da infancia ao alumnado, e darlles a coñecer o seu dereito á participación e á reflexión sobre a súa contorna e as problemáticas que os rodean. No encontro de mañá exporanse as conclusións finais ás que chegaron as nenas e nenos.
A Fundación Educo é unha ONG de cooperación global para o desenvolvemento a favor da infancia e en defensa dos seus dereitos, en especial o dereito a unha educación equitativa e de calidade. Traballan con nenas, nenos e a súa contorna para promover sociedades máis xustas.