
As reclamacións da veciñanza da zona conseguiron o seu obxectivo. Desde mañá, venres 7, habilitaranse dúas novas paradas de bus na liña 2A, situándose unha ao final da rúa Xubias de Arriba e a outra fronte ao Hospital de Oza. A Concellería de Mobilidade pretende así ampliar o servizo solicitado por veciños e usuarios do Colexio de educación especial Santiago Apóstol. A Compañía de Tranvías da Coruña levaba tamén tempo demandando esta modificación.
Ata agora, o percorrido da A2 ía do Hospital Abente y Lago ao Hospital de Oza e volvía en sentido contrario. A nova parada da rúa Xubias de Arriba será a cabeceira de liña. A parada do Hospital de Oza permitirá a todas as persoas que utilicen este centro hospitalario e veñan desde a Coruña acceder a el directamente.
O concelleiro Juan Díaz Villoslada, responsable da área de Mobilidade, sinalou que o Concello pretende con este paso mellorar a conexión da cidade cos hospitais, promovendo así a utilización do transporte público.