Pleno sobre débedas coa cidade

“Defendemos que Galicia teña o que lle corresponde, non temos problema en demandar o que é noso”. Así se expresou o voceiro do Goberno local, José Manual Lage, durante o pleno municipal de onte no que se debateron dúas mocións sobre a devolución do IVE de 2017 por parte do Estado ás comunidades autónomas. Lage asegurou que o Goberno local “defende sempre os intereses da cidade sen mirar a cor política de quen goberne en Madrid ou Santiago” -en alusión aos concelleiros do Partido Popular- e lembrou a “débeda que a Xunta ten coa Orquestra Sinfónica de Galicia, que é de 5 millóns de euros”. O voceiro municipal acusou ao ex ministro Cristóbal Montoro de ser o culpable da situación actual das comunidades, e ao PP de ter orixinado o problema mentres o PSOE queda “encargado de solucionalo”.

A Marea Atlántica presentou e conseguiu a aprobación dunha moción que insta ao Goberno local a convocar un pleno extraordinario para reclamar ao Estado que desbloquee os investimentos pendentes. A proposta contou co voto do PP, mentres que os grupos de PsdG e BNG se abstiveron. José Manuel Lage lamentou que se pretenda “montar un circo” e defendeu o papel do Concello “desde o minuto cero” reclamando o que corresponde á cidade. “O importante é defender a Coruña sen importar as cores políticas”, indicou, reclamando unidade na defensa dos intereses da cidade.

O Goberno local, coincidindo cunha moción do PP, instará ao Estado e Xunta a asinar o convenio que senta as bases de colaboración entre as tres administracións para licitar coa máxima celeridade as obras de construción da Intermodal. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, recoñeceu que a Coruña acumula “moitos anos de débedas” e o Goberno local defenderá os intereses da cidade “tras anos de disputas entre as administracións”. Villoslada explicou que os requerimentos de Adif non buscan edificabilidade lucrativa senón usos vencellados ao ámbito ferroviario que a Concellería “está a analizar”.

Emprego e empresas públicas
O Goberno municipal aproveitou o pleno para anunciar a convocatoria de 413 prazas de emprego público e elaborar unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) para as persoas empregadas no Concello. Lage defendeu que mediante esta medida se pretende “mellorar os servizos públicos coa incorporación de máis persoal”. Neste sentido, botou en cara á Marea ter aprobado o acordo marco cos traballadores “dez días anes das eleccións” e culpou ao anterior Goberno e ao do popular Carlos Negreira de ter levado a cabo unha “desastrosa xestión de persoal”.

A Corporación autorizou ademais á Empresa Municipal Aguas da Coruña, EMALCSA, a converterse en medio propio co poder adxudicador do concello. A idea é dotala da capacidade de pór en marcha un operador municipal de enerxía local e outras posibilidades que sirvan para aproveitar a capacidade de EMA CSA. O Concello asegura estar está comprometido coa creación do operador se se demostra que é viable.

Aprobadas dúas mocións de Ciudadanos
A proposta de Ciudadanos para instalar puntos públicos de recarga de vehículos eléctricos saíu adiante enmendada polo PSOE e a Marea Atlántica. Díaz Villoslada indicou que o Concello está estudando o sistema de xestión e o tipo de puntos de recarga, pero reiterou a aposta prioritaria polos peóns por parte do Goberno. Tamén foi aprobada a moción emendada polo PSOE reclamando á concesionaria do Pazo da Ópera que realice as obras de mantemento do inmoble. O Goberno local anunciou que actualizará o informe técnico que recolle o estado da construción e as necesidades mais urxentes que deberán abordarse. Ademais analizará o estado en que se encontra a cesión de uso, para antes do mes de xullo, adoptar medidas
legais que permitan a xestión do pazo en condicións óptimas.

Mocións do BNG pola sanidade, o descanso dos veciños e os postos de traballo
Lage Tuñas volveu defender a decisión da alcaldesa, Inés Rey, de prohibir a práctica do botellón no espazo dos xardíns de Méndez Núñez, cando o BNG reclamou solucións para garantir que a existencia de locais de lecer na cidade non choque co dereito dos veciños e veciñas do barrio do Orzán ao descanso. O voceiro defendeu o dispositivo especial da Policía Local posto en marcha. A moción foi aprobada, acordando o pleno tomar medidas para que o botellón non se traslade a outras zonas. Neste senso, o concelleiro socialista anunciou a creación dun servizo de mediación
veciñal.

A segunda moción dos nacionalistas, enmendada pola Marea, foi aprobada coa oposición do PP e a abstención de Ciudadanos. PSOE, Marea Atlántica e BNG xuntáronse para reclamar medidas encamiñadas a evitar a degradación dos servizos nos hospitais da área sanitaria, reducindo ademais as listas de agarda e a demora das consultas.

A Corporación aprobou, coa abstención do PP, a moción do BNG en defensa dos postos de traballo en Isidro 1952. Os traballadores acudiron ao salón de plenos e puideron comprobar o compromiso ao lles aclarar e detallar a situación, contía e obxecto das axudas achegadas á empresa.

Discordancia sobre os terreos da Maestranza
A Marea Atlántica presentou unha moción para reclamar a paralización das licenzas de construción no Campo da Estrada, nos terreos vendidos polo Ministerio de Defensa, mentres se redacta un Plan Especial de Protección das Murallas da Maestranza, de acordo co informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. “Os terreos do Campo da Estrada, nos que se construíron primeiro as murallas da Coruña, despois a Real Maestranza, logo o cuartel de Atocha e finalmente centos de vivendas para militares, eran en orixe terreos comunais. Era un patrimonio da veciñanza que foi ocupado para instalacións militares e defensivas. E polo tanto, unha vez que deixan de ter esas funcións, deberían volver a ser patrimonio do común”, indícase na moción da Marea.

O concelleiro de Urbanismo respondeu que o Concello está tramitando unha modificación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella no ámbito das murallas da cidade e dos terreos da Maestranza. Ademais, anunciou a intención do executivo de retomar as negociacións co Ministerio de Defensa para estudar a cesión. Villoslada asegurou que o Concello “non vai admitir que a Marea diga que a venda das parcelas foi a porta pechada e coa complicidade do Goberno local” e aseverou que “o relato de Marea non responde á realidade”. Para Villoslada, a Marea é tamén “responsable de que as parcelas se convertesen en soares e fosen vendidos ao asinar os convenios do 2018”.

A Corporación deu luz verde á moción para que as entidades sociais da cidade conten con espazos para poder desenvolver o seu labor. Tamén reclama a sinatura dun convenio con Padre Rubinos co fin de ceder a outras entidades sociais as antigas instalacións que a entidade posúe en Labañou e a remodelación do inmoble para que outras asociacións poidan usalo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s