
A Área de Infraestruturas comunica que mañá comezarán as obras de mellora da accesibilidade do CEIP Raquel Camacho, da Agra do Orzán, e dos seus arredores. O persoal técnico do concello deixou a zona preparada para estes traballos a primeira hora da mañá de hoxe.
Tal e como se veu facendo noutros centros educativos, e seguindo a política de contornos seguros na cidade, a Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade ten como obxectivo ir mellorando unha a unha as contornas dos colexios que non cumpran cos mínimos requiridos de accesibilidade.
Neste caso, no do CEIP Raquel Camacho, ampliaranse as beirarrúas que dan entrada ao colexio e instalaranse bancos e varandas para optimizar a seguridade á entrada e saída do centro educativo. Tamén se plantarán árbores para a mellora dos arredores e, en materia de mobilidade, recolocarase a parada do bus escolar no colexio, xa que antes estaba na rúa lindeira de Alcalde Liaño Flores. Ademais, a Área de Infraestruturas do concello aproveitará as obras para realizar traballos de mellora na rede de saneamento da zona. Estas obras teñen un prazo de execución aproximado de cinco semanas.