A aseguradora do Prestige manobra para non pagar os danos

Resultado de imagen de prestige barco

O preito segue lonxe de rematar. Case 18 anos despois da catástrofe ecolóxica provocada polo afundimento do Prestige, comeza en Londres o xuízo polos danos ocasionados. O Goberno español pretende conseguir que a aseguradora do petroleiro, The London Steam-Ship Owners Club, abone os custes, en coherencia coa sentenza do Tribunal Supremo español de 2016. Pero a compañía de seguros prepara a súa defensa escudándose no impago das cotas do seguro por parte do propietario do barco.

No seu auto preliminar, o xuíz do Tribunal Comercial británico Nigel Teare considera que se trata dunha desputa xudicial “rechamante” e “complexa”, o que fai prever unha resolución posterior contraria aos intereses do Goberno español. O proceso incluirá, presumiblemente, un repaso pola investigación sobre o afundimento, co obxectivo de saber se a aseguradora conta con toda a información que precisa.

O xuízo celebrarase en decembro de 2020. Con carácter previo e ata o mes de xullo, as partes irán proporcionando probas e argumentos ao xuíz.

A incógnita do ‘Brexit’
A aseguradora intentou retrasar o xuízo ata febreiro de 2021. En ausencia dun acordo xudicial entre a Unión Europea e o Reino Unido antes de decembro deste ano, as sentenzas xudiciais en países europeos non serán automaticamente aplicables no Reino Unido, do mesmo xeito que as británicas non o serán en territorio da Unión. A convulsa política británica e a xestión da saída do club europeo perfílanse como novos atrancos para pechar satisfactoriamente unha historia aberta hai case dúas décadas.