
Xuntar a Coruña cun Ferrol nunha extensa área metropolitana que tamén incluiría Betanzos. Esa foi a idea central da Cidade das Rías, o ambicioso proxecto deseñado en 1968 polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat, finalmente nunca concretado. Esta iniciativa é o centro da mostra que a Escola de Arquitectura da Coruña acolle desde hoxe, baseada no libro A Cidade das Rías que a Deputación editou en 2018, no cincuentenario do “ambicioso e vangardista” proxecto que tería ligado definitivamente as cidades da área. O proxecto orixinal contemplaba a construción de dúas pontes, en Sada e Pontedeume, que terían ligado todo o norte da provincia.
A exposición conta con documentos orixinais e inéditos que foron recollidos no libro da Deputación, elaborado a partir dun longo traballo de investigación, que tamén recolle “a reflexión e análise realizados desde a perspectiva actual por expertos en temas como urbanismo, socioloxía ou arquitectura”.
Esta mostra pretende homenaxear ao autor do proxecto, Andrés Fernández-Albalat. Un acto de recoñecemento tivo lugar hoxe na ETSAC, coa presenza de prestixiosos arquitectos coma Miguel Ángel Baldellou, César Portela e Javier Harguindey, quen lembraron a súa figura e as súas importantes achegas ao mundo da arquitectura.
Un tema aínda aberto
A organización urbanística da área do Golfo Ártabro é un tema que se reabre ciclicamente. A Cidade das Rías foi a primeira e máis ambiciosa proposta de planificación conxunta do territorio comprendido entre a Coruña e Ferrol. O proxecto de Andrés Fernández-Albalat Lois suscitou grande debate no seu tempo, e teñen continuado durante décadas as críticas e reflexións sobre esta cuestión, tanto no ámbito dos profesionais especializados como no dos medios de comunicación social.