O Pleno rexeita o proxecto para o Agra do Orzán

O proxecto do Concello para o Agra do Orzán, que reducía a edificabilidade na área onde a veciñanza reclama un parque pero non satisfacía as demandas dos representantes veciñais sobre un espazo de lecer, foi rexeitada no pleno de hoxe coa abstención do PP e os votos en contra da Marea Atlántica e do BNG. A proposta, que motivou unha concentración simultánea co pleno convocada pola Asociación Veciñal Agra do Orzán, decae así, deixando aberta unha problemática que se arrastra dende hai décadas sen chegar a unha solución satisfactoria para as partes.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villoslada, asegurou que o rexeitamento do documento Modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña no ámbito do polígono M22 “Parque do Agra“, “condena ao barrio a que este polígono e este ámbito queden atascados”, identificando a negativa da oposición co período preelectoral das autonómicas. O edil recalcou que o escrito reserva un 40% dos bloques para protección oficial e preserva a edificación do Observatorio como equipamento público. Asemade, destacou que a intención do Goberno local é “mellorar a calidade urbana da contorna e a praza das Conchiñas”. Neste sentido, prometeu “traballar na humanización das rúas” e “facer a mellor acupuntura posible na Agra”. Amosou a disposición do Goberno para “elaborar un documento o máis equilibrado posible que dea cumprimento á sentenza 620/2015”.

Antes deste punto gardáronse seis minutos de silencio por cada unha das vítimas de violencia machista en asasinatos acontecidos nestas últimas semanas. A alcaldesa leu a declaración institucional polo Día Internacional da Muller, que se conmemora o domingo, e fixo pública tamén unha segunda en que a corporación reclama xustiza para Diego Bello, o coruñés asasinado en Filipinas.

Na sesión plenaria, a Corporación aprobou por unanimidade -con votos a prol de Ciudadanos, BNG, Marea e PSOE e a abstención do PP- a proposta para a aprobación inicial da Ordenanza reguladora da concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas, que, segundo o concelleiro de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villoslada, simplificará o procedemento da que está en vigor desde 2006 en canto a ordenación dos documentos e a tramitación de solicitudes. A nova norma implicará, ademais, unha mellora nas cuantías das subvencións e na definición técnica e orzamentaria destas actuacións: “Non existirán discrepancias técnicas e económicas entre o autorizado e o subvencionado”, dixo Villoslada, quen engadiu que na comisión informativa do pasado 2 de marzo incorporaron un informe co fin de conseguir unha maior eficiencia na rehabilitación, eficiencia enerxética, accesibilidade e salubridade destas vivendas. O edil manifestou que haberá que testar o seu funcionamento de cara a seguir mellorando o marco regulatorio: “Introducimos tamén mecanismos para evitarmos o aumento no prezo dos alugamentos destas casas, unha das nosas preocupacións, porque se busca ser máis eficiente pero que a ordenanza teña un compoñente social”. Por iso, terán en conta indicadores como o IPREM para calcular as subvencións e tratarán de solventar o colapso das axudas, polo que “non faremos unha nova convocatoria senón que incorporaremos os créditos aos orzamentos de 2020”.

Por último, a Corporación deu luz verde cos votos a favor de todas as forzas políticas ao Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, un apoio unánime que a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, aplaudiu e que virá acompañado dunha convocatoria á veciñanza para lles explicar os contidos e que se adhiran o antes posible.

No apartado de mocións, aprobouse por unanimidade a proposta de Ciudadanos para mellorar a sinalización sobre o perigo de oleaxe. Canto á conversión da flota de autobuses da Compañía de Tranvías de A Coruña a eléctricos cunha compra progresiva de vehículos con esta característica, o pleno votou a favor e desestimou unha emenda de Marea Atlántica ao respecto en que esixían que a concesionaria do contrato de transporte público da Coruña adaptase esta cuestión sen custo algún para as arcas municipais. A moción foi apoiada por Ciudadanos, PP e PSOE e Marea e BNG abstivéronse.

Outra das mocións presentadas por Ciudadanos recibiu tamén o voto favorable da corporación tras a a emenda do PSOE para demandar á Xunta que revise o decreto 29/2010 co fin de adecuar a normativa para asegurar as condicións de habitabilidade, salubridade e accesibilidade das vivendas resultantes. A moción foi aprobada cos votos positivos de Ciudadanos e PSOE, a abstención do PP e os votos en contra de Marea e BNG.

Nunha moción do BNG sobre a emisión dun informe para que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia propoña o servizo de garda de 24 horas nos xulgados de Instrución da Coruña aprobouse cunha emenda proposta polo PSOE para facer extensible esta petición ao Ministerio de Xustiza e que entre o Estado e o Goberno autonómico reserven fondos para esta prestación. O BNG e o PSOE pactaron así unha moción para defender que A Coruña conte con gardas xudiciais de 24 horas. Foi apoiada por todo os grupos agás polo Partido Popular. Lage pide que “se dote ao noso partido xudicial dun servizo de gardas 24 horas”.

Ademais, aprobáronse tanto a moción presentada polo BNG como a da Marea Atlántica referidas ao CHUAC. No caso dos nacionalistas, no escrito -co que estiveron a favor Marea Atlántica, Ciudadanos e PSOE e que obtivo o voto en contra dos populares-, esixen ao futuro goberno galego que complete o proceso de reforma do actual hospital antes de acometer novas ampliacións, que revertan os recortes e a precarización laboral; e que aseguren a súa titularidade pública. Esta moción debateuse conxuntamente cunha segunda da Marea Atlántica con respecto do novo complexo, na que reclama transparencia cunha mesa de seguemento. O texto foi aprobado por unanimidade despois de que o PSOE a emendase cunha proposta para facer un seguemento no marco da comisión informativa de urbanismo e vivenda.

Por outra banda,  o Concello  demandará ao futuro goberno galego, tras aprobarse unha moción do BNG, a realización de estudios periódicos sobre o valor social e económico do traballo do fogar e do coidado, así como programas relativos á dependencia, petición que recibiu o visto bo de todas as forzas menos do PP, que se abstivo.

Ademais, nesta sesión saiu adiante a constitución dunha mesa de traballo sobre a Cidade das TIC coa presenza da Universidade, o concello e as entidades veciñais e empresariais interesadas. Ademais, a moción presentada pola Marea aprobouse por unanimidade e solicitará a Defensa unha mesa bilateral para tratar o futuro do resto dos terreos da Fábrica de Armas.

Cos votos en contra do PP e a abstención de Ciudadanos, Marea contou co apoio do PSOE e BNG para crear un observatorio da vivenda con datos sobre a cidade e a área metropolitana e a axilización dun banco vivenda de alugueiro, así como o establecemento dunha moratoria de vivendas turísticas e máis fondos para rehabilitación de vivenda pública, un apartado que lle reclaman igualmente á Xunta e ao Goberno do estado, aos que instan tamén a modificar o seu marco lexislativo.

Canto ás medidas para o mantemento dos preto de 5.000 empregos das empresas electrointensivas que presentou o PP, todas as forzas votaron a favor desta moción á que se sumou a emenda da Marea para equiparar a redución de custos enerxéticos aos doutros estados comunitarios e elaborar un plan integral para que se dea unha transición enerxética xusta.

Por outra banda, Marea, PP e Ciudadanos deron o visto bo a unha moción presentada polos populares para ampliar o aparcamento nos barrios afectados pola senda peonil ou o carril bus. Por último, o  voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, sinalou, nunha moción sobre a seguridade cidadá presentada polo PP, que aínda que os índices de criminalidade da cidade están tres puntos por debaixo da media española, “votamos a favor porque a nosa vontade é seguir traballando para que A Coruña sexa aínda máis segura, e somos sensibles a reforzar a seguridade cidadá”. A proposta tivo o voto positivo do PP, PSOE e Ciudadanos (BNG abstívose e Marea votou en contra).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s