18 anos do Centenariazo

Tal día como hoxe hai 18 anos, o 6 de marzo de 2002, o Deportivo conquistaba a súa segunda Copa do Rei logo de vencer ao Real Madrid no seu estadio no día en que o club madrileño celebraba o seu centenario. O Real Madrid, elixido Mellor Club do Século XX pola FIFA ano e medio antes, solicitou á Real Federación Española de Fútbol a organización da final no día do seu 100 aniversario, que ademais coincidía coa edición número 100 do torneo do KO. O obxectivo do club branco era recuperar en tan sinalada data un título que se lle resistía desde 1993. Non puido ser, porque a gloria agardaba polo Dépor.

A RFEF accedía á petición madridista, o que provocaba importantes cambios no calendario debido ao condicionante de adiantar máis que nunca a data da final. Os equipos de Segunda B e Terceira tiveron que disputar unha rolda previa a dobre partido en agosto e setembro de 2001. Os trintaedousavos de final, a partido único, tiveron lugar os días 9, 10 e 11 de outubro. O Deportivo, con todo, víase obrigado a xogar esa eliminatoria o 11 de novembro, xa que na data copeira debía xogar ante o Lille o partido de Liga de Campións aprazado o 11 de setembro polos atentados das Torres Xemelgas de Nova York. Os dezaseisavos de final, tamén a un só partido, disputábanse a finais de novembro. Os oitavos de final, xa a dobre encontro, foron antes do parón do Nadal, e os cuartos de final e semifinais copaban os catro mércores do mes de xaneiro de 2002.

Se os brancos superaron con certa suficiencia todas as eliminatorias, aínda que se viron obrigados a remontar no Bernabéu despois de caer en Tarragona e Bilbao, os branquiazuis tiveron un camiño repleto de espiñas. Pese ao potencial daquel Deportivo, que 22 meses antes conquistaba o título de Liga, as diferenzas entre ambas as entidades eran notables. O Real Madrid tiña entón 17 Copas do Rei nas súas vitrinas, por 1 do Dépor. E o club madridista contaba con 229 millóns de euros de orzamento, por 75 dos branquiazuis.

Ao redor de 25.000 coruñeses desprazáronse a Madrid aquel mércores para dalo todo polo seu equipo. Na cidade, as mercerías venderon máis de 4 quilómetros de tea branquiazul e 10.000 persoas abarrotaron o Palacio dos Deportes de Riazor para seguir o partido nunha pantalla xigante.

O cadro coruñés presentábase con dúas ausencias de peso. Donato, cunha rotura no sóleo que lle afastou dos terreos varios meses, e Manuel Pablo, que a comezos daquela campaña sufría unha terrible fractura de tibia e peroné no encontro ligueiro fronte ao Celta. Un problema muscular tamén deixaba fóra da convocatoria a José Manuel.

Nas filas do Real Madrid, que levaba 7 anos sen perder un choque de Copa no seu estadio, Vicente del Bosque contaba con toda a sú constelación de estrelas, incluído Figo, recentemente saído dunha lesión. O técnico branco daba continuidade a César, o seu porteiro na Copa, en detrimento de Iker Casillas, cousa que non fixo Irureta con Nuno, gardameta habitual no torneo do KO, pois deu a titularidade a Molina.

O Deportivo exerceu de ‘grande’ de principio a fin. Desde o asubío inicial saíu a marcar territorio, a golpear primeiro. César xa tivo que intervir no segundo minuto de xogo para enviar a córner con apuros un remate de Tristán. Só 4 despois, Sergio recortaba a Hierro en tres cuartos de campo após unha triangulación con Tristán, antes de iniciar unha veloz carreira cara á portería madridista e, cun sutil toque que levou o balón entre as pernas do gardameta local, facer o 0-1.

O gol aumentou a tensión e no minuto 10 un choque de trens entre Raúl, Scaloni e Mauro Silva dexenerou nunha liorta. O brasileiro foi amoestado pero a súa actitude e a dos seus compañeiros deixou outra vez claras as súas intencións e as de todo o equipo branquiazul. Esa mesma falta colgouna Figo e Zidane estrelou a súa cabezada no traveseiro. O francés tamén fixo lucirse a Molina nun remate de socato minutos despois.

Sergio e Valerón tiveron a opción de abrir brecha ao redor da media hora de xogo. Finalmente fíxoo Tristán, no minuto 37, despois dunha marabillosa acción de Valerón, que primeiro se asociou con Víctor e acabou poñendo un pase da morte ao ‘9’ deportivista.

Con 0-2 no marcador, os branquiazuis tiveron groggy ao cadro madridista, sobre todo ao comezo do segundo período. Valerón tivo o 0-3 nas súas botas pero despois de desfacerse de Míchel Salgado estrelou o coiro no pau. Unha das leis do fútbol di que o que perdoa págao. E o Dépor pagouno, aínda que a medias. Raúl recortou distancias con máis de media hora por diante. Con todo, os branquiazuis mantiveron a intensidade, o carácter e a compostura para apenas conceder ao equipo branco algunha opción de levar a final á prórroga.

Fran recibiu o trofeo de mans do Rei Juan Carlos, nun palco abarrotado de autoridades, incluído o presidente da FIFA, Joseph Blatter. Entre todas elas sobresaía unha figura, cun sorriso de orella a orella, a do expresidente do Goberno Adolfo Suárez, xogador da canteira deportivista nos seus anos mozos.

Un recordo imperecedoiro, un partido para a posteridade, que quedaron resumidos á perfección polo home do partido. “Démolo todo. Loitamos de principio a fin e creo que merecemos a vitoria”, sentenciou un Mauro Silva axigantado a cada minuto que pasaba na defensa do marcador favorable.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s