
O Servizo Galego de Saúde e os hospitais privados de Galicia van funcionar como un sistema único e integral, en concordancia coas directrices adoptadas polo Ministerio de Sanidade, no marco da necesidade de establecer actuacións centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19.
Esta mañá, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mantivo unha vídeo conferencia cos responsables dos centros privados galegos. Na reunión foron informados das medidas concretas que se porán en marcha “para a coordinación integral da asistencia sanitaria entre hospitais públicos e privados”. O conselleiro destacou que tamén “se estableceu contacto con todas as empresas de ambulancias de Galicia, para elaborar un censo e establecer a coordinación necesaria que permita mobilizar os vehículos en caso de necesidade”. Durante a xuntanza, Vázquez Almuiña asegurou que a Xunta “continúa mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia”, e que o Goberno autonómico se atopa “en alerta e cunha vixilancia permanente para actualizar todas as medidas de recomendacións”. Lembrou que a Xunta segue traballando desde a máxima coordinación tanto interdepartamental como co Ministerio de Sanidade.