Como debes pasear o teu can durante o estado de alarma

A Concellería de Medio Ambiente fixo hoxe públicas unha serie de directrices sobre o paseo e tratamento de animais de compañía durante o estado de alarma decretado para evitar a propagación do coronavirus. A normativa refírese ao paseo de cans e ao coidado das colonias felinas.

No caso dos cans, pode saírse do domicilio para levar á mascota a cubrir as súas necesidades fisiolóxicas. A persoa que a pasee debe ser preferiblemente o seu propietario e terá que portar, obrigatoriamente, a documentación identificativa do animal, que pode ser solicitada polas forzas da orde. O paseo debe rematar unha vez que o animal cubra as súas necesidades, e en todo momento irá suxeito por correa. O Concello indica que non está permitido o contacto con outras persoas ou cans. Non poderán deixarse soltos en ningún espazo público nin privado de uso público, nin en espazos privados con fácil acceso desde a vía pública. Será obrigatorio, como de costume, levar unha botella de auga con deterxente.

Alimentación de colonias felinas
O Concello autoriza ás asociacións de voluntariado que xestionan as colonias felinas para que acudan a alimentar aos gatos, sempre cumprindo cunha serie de normas. Só se autoriza a unha persoa por cada asociación ou colonia felina, sempre respectando as normas establecidas nos convenios sobre o lugar de alimentación, a clase de alimento e as medidas de limpeza e hixiene.

A alimentación dos gatos debe realizarse en horarios de pouca afluencia, tratando de espaciar o máximo de días posibles, estando prohibida a alimentación diaria. Evitarase durante esta o contacto cos animais salvo que sexa necesario. Neste último caso, debe cumprirse coas medidas de hixiene.

A Concellería salienta que non se poden cazar gatos para esterilización ou tratamentos durante o estado de alarma. Tamén salientou que lles achegará ás asociacións e persoas voluntarias que están a cargo das colonias felinas unha autorización para se identificar en caso de ser requeridos.