
A Comisión de Voceiros do Covid-19 volveu a reunirse esta mañá coa presenza da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira e os portavoces dos outros grupos do Concello. Neira que explicou as diferentes medidas tomadas no ámbito social. A edila abordou a evolución de iniciativas desde o 12 de marzo como as axudas do talón restaurante, comedores sociais, o servizo de voluntariado en domicilio e na liña telefónica “Acompáñote”; novidades na internet como a actividade sociocultural en liña da Rede de Centros Cívicos ou o albergue habilitado para as persoas sen fogar no Pavillón dos Deportes de Riazor.
Pola súa parte, a alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Economía, Xosé Manuel Lage, recolleron as propostas expostas polas voceiras e voceiros de todas as forzas políticas. Neste aspecto, a rexedora agradeceu o consenso acadado con todas e todos os responsables. Os representantes do Goberno local informaron das proposicións que están desenvolvendo co fin de paliar os danos económicos e sociais dunha cidadanía que, segundo Rey, é “a principal prioridade do concello”.
O PP presentou na xuntanza unha batería de medidas a varios prazos. Entre elas, os popularas inclúen axudas de promoción económica e laboral complementadas por Xunta e Goberno central, reducir taxas e impostos en licenzas de apertura e bonificacións fiscais por inicio de actividade.