Críticas ao programa de Ana Rosa na Agra do Orzán

Foto de Marea Atlántica.

A emisión en directo do control policial das rúas da Agra do Orzán en ‘El programa de Ana Rosa’, presentado por Ana Rosa Quintana, causou varias críticas na cidade, ao considerar que o tratamento informativo da situación do barrio foi frívolo e tendencioso. A desconexión especial, vinculada ao feito de ser Monte Alto e a Agra do Orzán os barrios onde máis infraccións se teñen rexistrado no estado de alarma, amosaba “un barrio tomado pola policía”, unha expresión utilizada no propio espazo de Tele5.

O rexeitamento a este enfoque e tratamento informativos causou queixas veciñais e por parte de entidades en redes sociais, incluída a da Marea Atlántica. O partido denunciou no seu facebook a “intolerable” criminalización do barrio. Salientan que “na Agra do Orzán viven 29.000 das nosas veciñas e veciños, o 12% do censo da Coruña” e lembran que é “o barrio con maior densidade de poboación da cidade, unha das maiores de Europa”, polo que, en termos porcentuais, a cifra de multas sería “similar ao resto da cidade”. Lembran que o barrio ten unha problemática específica froito de “unha das rendas per cápita máis baixas” e “poucos servizos e moi concentrados, cun urbanismo deseñado para acumular máis que para vivir”. Desde a Marea, piden non criminalizar “á xente da Agra” e non atacar “a quen se enfronta á desigualdade ademais de ao confinamento”.

Este medio púxose en contacto con María Gutiérrez, presidenta da Asociación Veciñal Agra do Orzán, quen confirmou que a emisión do programa chamou a atención entre a veciñanza. Asegura que na asociación veciñal non coñecen as cifras específicas de infraccións para dar por boa ou non a idea de que o barrio incumpre máis as normas ca outras áreas da cidade, pero lembran, como fixo a Marea, que a alta concentración de poboación nun limitado espazo pode inflar as cifras e dificultar o cumprimento efectivo de todas as medidas de distanciamento social. “Xente que non cumpre haina en todas partes e non cremos que sexa a da Agra do Orzán a máis irresponsable”, sinalou, e engade que “se hai máis xente, é máis probable que a Policía detecte máis infractores”. Nese sentido, recorda que no barrio viven 30.000 persoas nun espazo moi pequeno, o que o converte nunha das áreas de maior densidade poboacional dunha cidade xa de por si densamente poboada, e nunha zona que salienta a nivel mundial polo mesmo factor. Aclara que a asociación enviou un correo electrónico ás persoas membros pedindo un cumprimento escrupuloso da normativa e poñer máis atención nesta polas circunstancias específicas do barrio. Na comunicación, igualmente, chamaban a un hábito racional de compras básicas e a recorrer á colaboración entre veciños na medida do posible, “axudándonos uns aos outros”.

A presidenta da asociación veciñal pensa que o programa fixo un tratamento pouco considerado coa xente maior do barrio, ao chamar a atención sobre a presenza deste colectivo polas rúas. Gutiérrez considera que se deben ter en conta as necesidades das persoas maiores e comprender que moitas destas queren actuar con autonomía en aspectos esenciais como a compra, sen recorrer innecesariamente á axuda do Concello.”Non hai xente maior escaqueándose”, defende, e considera que afirmar o contrario é “frívolo”. Pide en todo caso que a atención ás persoas maiores vaia alén da situación actual motivada polo COVID-19.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s