
Estradas baleiras onde antes desta crise había atascaso diarios. A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade informou hoxe, con base nos estudos que están a realizar desde o inicio do confinamento, de que o tráfico descendeu nas principais vías da cidade nun 75% de media. A redución mínima no tráfico rodado diario no termo municipal foi no acceso á cidade por Eirís cun 61%, e onde máis despuntou foi na rúa Manuel Murguía cun 81,87% de descenso dos vehículos en circulación. Mobilidade lembra que o estudo reflicte datos desde o pasado domingo día 15 ás 20.00 horas, momento en que entrou en vigor o estado de alarma decretado polo Goberno central en todo o territorio español pola pandemia do COVID-19. Ademais, o luns día 23 o Estado anunciou novas medidas restritivas para o desprazamento de vehículos.
No caso da rolda de Outeiro, o tráfico pasou durante a primeira quincena de marzo de soportar uns 22.539 vehículos diarios aos 5.361 na segunda quincena. Unha caída, xa que logo, do 76,21%. Tamén é similar o descenso do tráfico en Alfonso Molina, no sentido de entrada, cun 76,28% menos de vehículos. No caso da avenida de Arteixo, en dirección saída, observouse unha redución da Intensidade Media Diaria (IMD) do 76,88%.
Canto á media diaria de entrada de vehículos na cidade (polas vías Alfonso Molina, avenida de Fisterra, v14.- rolda do Deportivo da Coruña. Eirís, avenida de Salgado Torres e avenida do Exército) situouse na primeira quincena en 65.000 vehículos diarios, mentres que na segunda os datos reflectiron una redución até os 17.326 vehículos diarios.
Polo que respecta á media diaria da saída de vehículos da cidade, a situación é semellante. Nas mesmas estradas, na primeira quincena de marzo, as saídas de vehículos foron 76.780 de media, mentres que na segunda foron 19.724.