
A Concellería de Medio Ambiente recibiu “con satisfacción, e tamén con certo asombro”, a aprobación do Plan de Conservación do ENIL (Espazo Natural de Interese Local) das Illas de San Pedro, logo de que desde abril de 2018 en que o concello presentou o proxecto á Xunta para tal fin, o seu persoal técnico tivo que responder a todo tipo de requirimentos da Consellería de Medio Ambiente. Por iso, a nova foi acollida con sorpresa por parte do departamento, máis aínda tendo en conta nas datas e nas circunstancias en que se produce. A isto hai que sumarlle unha certa sensación de desagrado pola falta de comunicación do Goberno autonómico de dita aprobación cando a autoría do Plan corresponde en exclusiva ás/aos técnicas/os da Concellería.
En todo caso, desde Medio Ambiente celebran a súa posta en marcha xa que lles permitirá contar cun instrumento que define os usos que se poderán facer destas illas e que consolidará o rico hábitat da zona. Ademais, evitará a instrospección nela de persoas que non teñan fins científicos sobre a contorna ou permiso legal para a súa explotación pesqueira e marisqueira. Neste último aspecto, ao finalizar este período de confinamento a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, ten previsto celebrar unha reunión coa Confraría de Pescadores e Mariscadores da Coruña para lles informar dos detalles do Plan e para estudar posibles vías de colaboración.
Nos próximos días, a Concellería de Medio Ambiente publicará na súa páxina web os contidos do informe para que as persoas que teñan interese sobre esta zona protexida poidan consultalo.