Acordo sobre o plan de reactivación local

 A Comisión de Economía e Facenda que se reuniu esta mañá no Concello acordou, co apoio da totalidade dos partidos, tres liñas mestras de acción municipal para o plan de reactivación económica e social da Coruña (PRESCO). Faino logo de que a xunta de voceiros lle encargase, tamén de forma unánime, a reorientación do orzamento municipal e a súa posible modificación co obxectivo de afrontar o impacto económico e social do coronavirus a nivel local. Non puido evitar, sen embargo, as diferenzas entre partidos sobre a cantidade de cartos que se poden desviar das partidas orzamentarias previstas antes desta crise.

As tres grandes liñas de actuación do PRESCO serán o investimento público coa licitación de obras, equipamentos e infraestruturas, a “Coruña Solidaria” a través de medidas que reforcen os programas de protección social, e as medidas económicas e fiscais dirixidas a colectivos forzosamente empurrados á inactividade económica (como é o caso das pemes, comercio, hostalaría ou industria cultural).

A alcaldesa, Inés Rey, mostrouse satisfeita por un acordo que considera “un bo comezo” e fixo fincapé na necesidade de apostar por “incrementar os programas municipais de protección social” ao tempo que se estudan medidas económicas e fiscais “para axudar aos sectores máis afectados pola crise na cidade, como poden ser o comercio, a hostalaría, as persoas autónomas e as e os pequenos empresarios”. Rey tamén manterá encontros cos axentes económicos e sociais para recoller ideas e encaixalas no plan

A oposición pide un investimento maior
Pero o acordo xeral non eliminou as diferenzas entre partidos á hora de afrontar a situación. O Goberno local explicou durante a xuntanza que, logo de destinar 14 millóns e medio de remanente ao pagamento de custes xudiciais e facturas pendentes, a primeira estimación di que pode desviar ata 6 millóns de euros de partidas orzamentarias a medidas sociais e económicas. Para o PP, esta cantidade peca de falta de ambición e podería sumar máis fondos a través dun préstamo. Propoñen revisar o orzamento e engadir ata 750.000 euros do superávit para gasto social, así como 623.000 do plan de choque de limpeza que o Concello “quere contratar en fraude de lei a través da Deputación”, denuncian.

Os populares tamén reclamaron maior axilidade para facilitar documentación económica -como a liquidación de 2019 ou o estado de execución de 2020, reclamacións que tamén fixo a Marea Atlántica- e para tramitar un modificativo. Este debera contar co “consenso de todos os grupos” para pór en marcha en breve axudas de reactivación para autónomos e pemes.

O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martinez, reclamou ao goberno municipal un “esforzo” para “reducir o gasto superfluo ao máximo e empregar eses fondos para poñer en marcha un Plan de Choque Social, ambicioso e centrado nas persoas nesta crise”. Martínez considera “necesario explorar todas as vías para aumentar o gasto público”. A proposta de mobilizar 6 millóns de euros é para a Marea “de todo insuficiente na situación actual”. Compartiu as críticas sobre o contrato de limpeza e suxeriu “reducir ao mínimo partidas como publicidade, propaganda e gastos de representación”.

O BNG tamén pediu “bastantes máis” dos 6 millóns de euros previstos polo Concello. O seu portavoz , Francisco Jorquera, puxo sobre a mesa a hipótese de recorrer se é preciso ao endebedamento. “O Concello ten unha situación financeira moi saneada, o que lle permite mobilizar suficientes recursos para financiar un ambicioso plan de choque que reactive a economía e garanta a cohesión social”, aseverou o portavoz nacionalista. Jorquera pediu tamén ao Goberno Local que sexa “esixente” para que “as outras administracións cumpran coas súas obrigas”.

Esta última reclamación do BNG estivo presente nas declaracións de todos os grupos. Os partidos aproveitaron a comisión para deixar claro que se debe evitar que haxa solapamentos entre as liñas municipais e as axudas económicas do Estado, así como coas iniciativas futuras que aprobe a Xunta de Galicia. Os grupos acordaron tamén a periodicidade das xuntanzas, que se concentrarán en dúas sesións semanais. As reunións terán un contido monográfico para buscar o maior consenso posible en cada aspecto.

O Concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage, valorou “a boa disposición de todos os grupos para buscar un mínimo consenso” e subliñou como “importante” que hoxe se alcanzase “o primeiro acordo”, dado que no seo da comisión “entre todos os grupos políticos decidimos cales van ser as tres grandes liñas de acción do plan de reactivación económica e social”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s