Medra a pegada dos museos científicos en internet

Desde o inicio do confinamento, as instalacións da Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae permaneceron pechadas, polo que as súas actividades presenciais tiveron que se suspenderen. Pero a divulgación científica que identifica a estes museos continuou a través das redes sociais, que se converteron na súa principal fiestra ao mundo. Desde estas plataformas propoñen a diario lecturas, actividades, experimentos, vídeos sobre o coidado dos animais do Aquarium ou observacións astronómicas sinxelas, todo para facermos desde a casa.

Por exemplo, a conta de Twitter (@mc2coruna) multiplicou por catro a súa actividade desde o comezo do confinamento e isto triplicou o número de interaccións por parte do público e duplicou o ritmo de incorporación de novas e novos seguidores. Nese período, as visitas ao perfil da institución tamén se multiplicaron por catro.

En Facebook (@casaciencias) obsérvase un incremento de máis do 10% no número de seguidoras/es, e algunhas publicacións concretas duplicaron o seu alcance medio da actividade da conta, con datos de audiencia próximos ás 40.000 persoas. Entre as publicacións con maior aceptación destacan as gravacións no tanque grande do Nautilus, as sesións do planetario e todo o relacionado coas focas.

Imaxes submarinas das focas
Nestas semanas as focas convertéronse nas mellores embaixadoras do Aquarium Finisterrae. Para amosaren mellor a vida destes animais, procedentes doutros zoolóxicos ou nacidos nas propias instalacións, o equipo de biólogas/os que as atende gravou varios vídeos en 360º con imaxes submarinas da piscina que ocupan. As tomas revelan aspectos do seu comportamento que non se poden apreciar desde a superficie, como a súa grande axilidade baixo a auga. Mañá, 1 de maio, publicarán o primeiro deses vídeos nas redes sociais dos Museos Científicos.

Sesións do planetario a domicilio
O planetario da Casa das Ciencias tamén trasladou a súa programación ás redes a través de dúas iniciativas. Por unha parte, «O Planetario na casa» ofrece vídeos curtos co fin de aprendermos e desfrutarmos da observación astronómica. Estas pezas foron creadas con Stellarium, unha aplicación gratuíta e aberta que permite recrear o ceo como se estivésemos nunha sesión do planetario. Por outra banda, as populares sesións do último sábado de mes realízanse agora mediante un directo en Facebook, en que o colaborador Borja Tosar ofrece a súa habitual «Postal planetaria». A sesión complétase cunha publicación dunha guía para observarmos o máis relevante do ceo nocturno do mes, que está dispoñible na páxina web dos Museos Científicos (www.casaciencias.org).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s