
A actividade presencial volve ao Pazo de Arenaza, coworking da Deputación provincial, que vén de anunciar que reabre baixo estritas medidas de seguridade para cumprir coa normativa anti COVID-19. Durante os días previos equipos técnicos estiveron preparando a reapertura, e dende a semana que vén os emprendedores que teñen alí a súa sede poderán retomar o seu labor dende as instalacións. O novo escenario foi comunicado onte polo presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, a través de videoconferencia cos usuarios. González Formoso e Rioboo interesáronse tamén polo estado dos seus proxectos empresariais e polas consecuencias que a crise da COVID19 tivo nos mesmos.
O protocolo de seguridade foi definido a través da colaboración dos servizos de Prevención e Saúde Laboral da Deputación e de WeKCo, a empresa que xestiona o espazo de Arenaza.
Innovación contra a COVID-19
Durante o encontro, os coworkers presentaron un proxecto colaborativo, onde tomaron parte case a metade dos usuarios do Pazo, e que naceu das xuntanzas virtuais que mantiveron durante a corentena xeral. O CasaPosCovid, presentado pola arquitecta técnica especializada en construción con madeira Belén Bouza quere definir formas de adecuación das vivendas actuais, así como deseño de novas construcións, para adaptalas á nova normalidade que trae o coronavirus. A Deputación comprometeuse a apoiar e dotar de visibilidade a este tipo de proxectos polo seu interese social.