Luz verde ás escolas infantís municipais gratuítas

A Corporación aprobou hoxe de xeito inicial, coa abstención de Partido Popular e Ciudadanos, o novo Regulamento de organización e funcionamento das escolas infantís integradas na rede municipal, que lle supón o concello un investimento de 279.000 euros. Isto permitirá o curso próximo implantar a gratuidade da educación de 0 a 3 anos, que na actualidade lles afecta a case novecentas nenas e nenos da cidade. O documento substitúe a normativa vixente desde o ano 2014.
O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, explicou que os criterios de renda e a conciliación laboral e familiar serán criterios relevantes para acceder ás escolas que a partir de agora serán de balde. “No novo regulamento incorpóranse obxectivos como o fomento da igualdade, o uso do galego como lingua vehicular, a sustentabilidade ambiental e a alimentación saudable”, sinalou. O regulamento tamén recolle a creación dun Consello de Participación como órgano participativo do conxunto da comunidade educativa, que lles facilitará ás familias ter unha maior participación e implicación nos proxectos das escolas infantís. Ademais, contempla o carácter plurilingüe das escolas municipais e reforza o coñecemento das linguas, co achegamento á lingua inglesa.
Lage destacou que “este mesmo mes cúmprense 33 anos da apertura en Monte Alto da primeira escola infantil da rede de escolas municipais. Foi o mesmo partido que hoxe goberna, o Partido Socialista o que no ano 1987 puxo en marcha un dos servizos dos que está máis orgulloso este goberno. Hoxe damos un salto màis, facendo viable a gratuidade das escolas infantís municipais”.

O voceiro do goberno agradeceulle a todas as forzas politicas as súas achegas e comprometeuse a estudar as alegaciòns que presenten co fin de mellorar o regulamento. En canto ás críticas do PP e de Ciudadanos polo uso do galego como lingua vehicular nas escolas, o voceiro aclarou que “non se pode impoñer o que é propio”, e confía en que se poidan ampliar o número de prazas na cidade para educación de 0 a 3 anos.
Doutra banda, o Pleno, cos votos a favor do PSOE, PP e Ciudadanos, deulle luz verde ao cambio de uso dunha parcela que o Goberno galego posúe en Castiñeiro de Eirís, onde ten previsto construír unha residencia para maiores. A parcela que está clasificada polo Plan xeral de ordenación municipal como solo urbano consolidado, coa cualificación urbanística de equipamento de titularidade privada, pasará a equipamento público asistencial. O cambio de uso, explicou o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, conta co visto e prace da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia e non altera as condicións de edificación sobre a parcela, que seguirá sendo regulada polas normas vixentes no plan urbanístico da cidade. ”O concello en Pleno sen necesidade de modificar o plan pode acordar cambiar o uso de terreos reservados para equipamentos públicos por outro uso dotacional público distinto, sempre que se manteña a titularidade pública ou se destine a incrementar as zonas verdes e os espazos públicos”, sinalou o edil. Villoslada insistiu na legalidade urbanística da proposta e na súa lexitimidade social
incrementada nestes momentos pola crise sanitaria da COVID- 19. Asegurou que o concello
pediralle á Xunta que acelere a construción da residencia de maiores da Coruña, “pola que
levamos sete anos esperando”.
Outro dos asuntos que contou co apoio de todas as forzas políticas, agás de Marea Atlántica, que se abstivo, foi a aprobación inicial dun suplemento de crédito, por importe de 11.682.629,44 euros, que se destinará, por sentenza firme, ás indemnizacións polas expropiacións para executar o Plan especial de protección e recuperación do Castro de Elviña, fases I e II. Isto implica a modificación do Anexo de Investimentos do orzamento de 2020 (M1/2020). O voceiro do Goberno local explicou que, despois de aboar parte con cargo ao M7/2019 e ao orzamento de 2020, o crédito necesario para facer fronte ao saldo pendente e á nova previsión de xuros é de 11.682.629,44 euros. “A aprobación do suplemento permítelle ao concello aforrar 243.000 euros ao ano por xuros de demora”, apuntou.

O suplemento financiarase con cargo ao superávit (6.613.122,39 euros), ao remanente líquido de Tesourería para gastos xerais (3.669.507,05 euros) e a un cambio na partida consignada nas contas para a “Adquisición bens patrimoniais Solana para posteriormente destinalos a uso público” (1,4 millóns de euros), partida que, segundo Lage, non se ía executar e que contribúe a liberar as arcas municipais dunha débeda moi importante.


Asegurou que ao aprobar este suplemento “ponse punto final a unha situación que lle permite ao concello liberar fondos do remanente para destinalos ao plan de reactivación económica da cidade, e deixar de pagar uns xuros que se converteran nunha espada de Damocles para as arcas municipais”. “É necesario mirar cara adiante e ser corresponsables co futuro da cidade”, dixo.


O Pleno tamén votou a favor da adhesión do Concello á Asociación de Concellos do Camiño Inglés, entidade constituída en 2019 e da que xa forman parte 14 dos 18 municipios polos que transcorre o Camiño Inglés.

Durante a sesión, a alcaldesa Inés Rey leu a declaración institucional en recordo das vítimas mortais do coronavirus e en recoñecemento da cidadanía e dos profesionais que loitan contra o virus. O COncello amosa nela as súas condolencias polas vítimas mortais, agradece o labor do persoal sanitario, de seguridade e protección civil, así como á cidadanía pola súa responsabilidade. Por último, o Concello “expresa o seu firme compromiso para reactivar económicamente a nosa cidade desde a cohesión social e a sustentabilidade ambiental, con especial énfase nos sectores máis afectados por esta crise, na convicción de contribuir como motor económico á recuperación económica de Galicia”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s