
A COVID-19 está deixando sentir, cando a crise sanitaria semella remitir, unha crise social e económica de dimensións aínda dificilmente cuantificables. As institucións públicas afrontan este escenario reforzando servizos de emerxencia, especialmente nos ámbitos máis próximos, como o local. Neste contexto, o Concello ten repartido case 26.000 menús no programa Bolsa comedor desde mediados de marzo, inicio do estado de alarma e confinamento. Máis de 650 nenas e nenos son beneficiarios deste servizo que cobre tamén festivos. O Concello asegura ademais que, “consciente da situación complicada en que se atopan moitas familias da cidade debido a crise sanitaria”, prevé reforzar os servizos que se ocupan do benestar da infancia máis vulnerable.
No programa Bolsa comedor, a maior parte das familias recollen o menú no colexio que Benestar Social lles asigna -Raquel Camacho, María Pita, Víctor López Seoane, Salgado Torres, Fogar de Santa Margarida ou Grande Obra de Atocha-. Arredor dun centenar, por causa xustificada, reciben o menú no domicilio grazas a un equipo de voluntariado e Protección Civil.
O voluntariado, peza chave
O Concello leva respondido máis dun milleiro de solicitudes de axuda da veciñanza con menos medios dende que comezou esta crise. Para isto, foi necesaria a axuda de 266 voluntarios dos máis de 500 que se inscribiron no seu día. Este continxente de persoas solidarias axudan a quen se atopa en situación de dependencia ou soidade, ou con mobilidade reducida. Entre as tarefas das que se ocupan están ir á farmacia, ir ao supermercado ou acompañar ao centro de saúde. Tamén colaboran para repartir bolsas comedor e alimento a domicilio.