
Hoxe remataron as obras de mellora da accesibilidade na avenida Gran Canaria, que se prolongaban dende o pasado mes de febreiro. O proxecto respondeu ás peticións realizadas pola Asociación de Veciños Labañou – San Roque Francisco Rodríguez Otero ao Concello. A actuación pretende fundamentalmente mellorar as zonas peonís no tramo entre a rúa Educación e a Praza da Mariña Mercante, onde enlazaría coas zonas peonís xa renovadas de Paseo de Rolda.
Desde Infraestruturas sinalan que se actuou “nas beirarrúas do tramo entre a rúa Perú e a rúa Educación, ata o paseo de Ronda, incluíndo a rotonda de Náutica”, e que “o pavimento, que estaba moi deteriorado, substituise por terrazo en todo este tramo e por formigón na zona da praza entre a rúa Perú e a rúa Arxentina”, onde tamén se instalará unha xardiñeira con nova vexetación e arboreda.
Tamén se mellorou a accesibilidade nas dúas paradas de autobús desta vía. Agora ofrecen un andén adaptado e en liña co carril de circulación. Por outra banda, todos os pasos peonís da avenida melloraron a súa accesibilidade e priorizouse o tránsito peonil nas saídas dos garaxes.
Nestas obras de mellora tamén se habilitaron bancos e bolardos. Substituíronse as especies de alcorques individuais actuais por unha zona verde que impide o estacionamento de vehículos sobre as beirarrúas da avenida e, ademais, dá maior seguridade aos peóns e peoas.
Gran Canaria conta agora cunha nova canalización dos servizos municipais e do rego, e EMALCSA tamén aproveitou esta actuación para renovar toda a rede de abastecemento cunha nova tubaxe de fundición. O Concello mantén a interlocución coa veciñanza de varias áreas da cidade para identificar a necesidade destes proxectos.