Comezan as obras do carril 30 en Juan Flórez

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que esta noite comezan os traballos para habilitar o carril limitado a 30 quilómetros por hora na rúa Juan Flórez. Coa finalidade de non causar molestias no tráfico, os traballos iniciaranse ás dez da noite. Para levar a cabo os labores de sinalización cortaranse dous carrís de circulación desde a praza de Pontevedra até a avenida de Alfonso Molina, desde as 22.00 horas de hoxe até as 06.00 horas de mañá, 4 de xuño.  Habilitarase o carril do lado dereito da rúa, que será un carril compartido por bicicletas, patinetes e transporte público. Os vehículos privados poderán tamén circular por este carril que contará con dobre liña descontinua, un sinal de 30 e dous pictogramas dunha bicicleta e dun patinete (Vehículos de mobilidade persoal). O persoal responsable de Mobilidade aclara que non se trata dun carril bus ou dunha plataforma única, é que esta actuación é a primeira en que se sinaliza un carril específico con límite de velocidade. O seguinte paso será a sinalización como “Cidade 30” do resto da Coruña.  

Inés Rey sinalou que o Goberno local prosegue desta maneira co plan para lograr unha nova mobilidade “que lles dará prioridade ás peoas e aos peóns, ás bicicletas e ao transporte público e que busca gañar espazos de maior calidade urbana”.   

A limitación a 30 quilómetros implantarase en toda a cidade (excepto nalgunhas rúas nas que se poderá seguir circulando a 50 km/h: Ramón y Cajal, Fernández Latorre, Pérez Ardá até a rolda de Outeiro, Sánchez Bregua, Juana de Vega, Rexedor Somoza e o túnel da praza de Pontevedra).  

Hoxe tamén comezaron as obras do carril para corredoras e corredores que se está a instalar no Paseo Marítimo sobre as vías do tranvía cun asfalto resistente á erosión do mar e específico para correr. A nova senda, que irá desde Os Surfistas ata As Escravas, servirá para desconxestionar o Paseo Marítimo e o carril bici.   

Tal e como explicou a rexedora, esta senda enmárcase dentro do plan de renovación do Paseo Marítimo. O concello xa anunciou que o proxecto de rexeneración do Paseo, entre o Castelo de San Antón e Durmideiras que xa se está redactando e se licitará este ano, tamén contará cun carril específico para correr.   

Por outra banda, o carril provisional que se habilitou para facilitar a mobilidade peonil durante a desescalada manterase polo momento.  

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s