‘The Waylanders’, o videoxogo onde percorrer a Coruña celta e medieval

The Waylanders é o primeiro videoxogo rpg (xogo de rol, nas súas siglas en inglés) feito en Galicia. Un videoxogo onde a cidade da Coruña ten un papel esencial: non só por estar situado na nosa cidade Gato Salvaje, o estudio por tras do proxecto, senón pola propia ambientación: a historia transcorre nunha terra fantástica inspirada na Galicia castrexa e no celtismo de Eduardo Pondal. Nel percorreremos esa Galicia de Breogán onde se ergue unha gran torre, o faro de Brigantia. Todas estas lendas, ben coñecidas na nosa cidade, serviron como inspiración para un proxecto que nos porá no mapa internacional do mundo gamer. O xogo xa se atopa en acceso anticipado na popular plataforma Steam. Falamos con Sergio Prieto, o director do proxecto.

Como definirías ‘The Waylanders’?
É un rpg clásico ao que engadimos certas mecánicas novas en canto á xogabilidade. A principal característica que o define é a súa clara inspiración nas lendas e na mitoloxía propia de Galicia. O que estes días estamos a intentar pór en valor é esa idea.

A tradición galega ten un forte peso, logo?
Si. A idea sempre foi a de facer un xogo ambientado en Galicia. Os rpg sempre están moi marcados polo trasfondo da historia que narran. Daquela, nós preguntámonos “por que non facer un xogo cuxo trasfondo beba da mitoloxía e ambientación galega?”. Especialmente, se pensamos que a mitoloxía nórdica ou outras como a grega teñen tanta forza no mundo dos videoxogos. Despois tivemos que pensar e deseñar como abarcalo, e que cousas queriamos mostrar. Por iso escollemos logo o tema das viaxes temporais dentro do xogo, para poder mostrar ambientacións celtas e medievais, xa que Galicia a tiña, nesas dúas épocas, elementos propios moi fortes que poñer sobre a mesa.

No xogo veremos unha Coruña castrexa e medieval? No trailer de lanzamento podemos ver a Torre de Hércules.
Si. O que aparece é a Torre de Brigantia. Na época medieval revisitamos a antiga Brigantia, xa convertida na Coruña, e vemos o faro da Torre de Hércules.

É un proxecto que implicou á comunidade dende o comezo, nacido en Kickstarter e agora en acceso anticipado en Steam…
Tanto a fase kickstarter como a de agora de acceso anticipado en Steam tiñan unha clara intención de crear comunidade, de que os xogadores puidesen facer análises do xogo e achegar unha chea de feedback que aplicar para mellorar o proxecto. Sempre fomos mostrando o xogo para facer unha comunidade forte.

Cal será a data de lanzamento definitiva?
Entre finais deste o ano e comezos do que vén.

Hai unha influencia de Dragon Age e outros xigantes do xénero en the Waylanders?
Dragon Age foi unha referencia clara en moitos aspectos do xogo, incluída na parte cinemática.

Sodes un estudio que traballa dende a Coruña…
Si. Antes do confinamento estabamos todos traballando no Papagaio, o centro de empresas do Concello. Agora estamos traballando dende a casa. Estamos na Coruña e sempre tivemos a vocación de facer as cousas dende aquí, cun espírito rexional e local.

Non é o primeiro xogo que sacades.
A empresa xa ten 10 anos. O primeiro xogo que sacamos foi AR-K. Logo veu Bullshot, e agora sacamos The Waylanders. Este é o noso quinto proxecto e a nosa “terceira saga”.

Falas de saga. Tedes a idea de dar continuidade a este xogo?
A idea con The Waylanders é ver a evolución que ten en acceso anticipado. O lanzamento agora mesmo é exclusivo para PC, pero gustaríanos dar o salto a consolas máis adiante. Por suposto, se podemos seguir cunha segunda parte sería perfecto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s