
O Pleno aprobará mañá a declaración adhesión da cidade ao manifesto Slowlight co fin de promover unha iluminación pública sustentable. A Coruña é de esta maneira a primeira cidade en facer público o seu compromiso coa iluminación sustentable e tamén a primeira en participar na Rede de Cidades Slowlight de próxima creación.
A iniciativa Slowlight está aliñada coa Declaración da Palma do ano 2007 en defensa do dereito das persoas á contemplación dun ceo escuro non contaminado, que permita a observación do firmamento. Do mesmo xeito, alíñase coa Declaración Institucional do Parlamento de Galicia do 29 de setembro de 2015 sobre a defensa do ceo escuro e o dereito a ver as estrelas na que se asume integramente a Declaración da Palma.
O obxectivo desta iniciativa é impulsar unha maior implicación de todos os axentes e sectores, públicos e privados, da cidade en favor dunha política de iluminación pública sostible propiciando unha nova cultura de iluminación pública pensada para a cidadanía. Tratase de dar un paso máis no cumprimento dos obxectivos da axenda urbana 2030, favorecendo a transición enerxética cara a unha descarbonización da economía e un uso responsable dos recursos.
Consciente de que a cidade é un territorio altamente contaminado desde o punto de vista luminoso, non só por ter un alumeado público envellecido, senón tamén pola contaminación que producen outras instalacións públicas e privadas, o Goberno local cree que é momento de contribuír á consolidación dunha nova cultura de iluminación calmada, responsable, sustentable.
Para o Goberno local, trátase dunha cuestión que terá importantes repercusións na veciñanza e na cidade, xa que a iluminación calmada e sustentable supón un menor consumo enerxético, aforro de custos e unha menor pegada de carbono, e proporciona a posibilidade de ofrecer unha contorna urbana máis confortable e máis saudable para a cidadanía.