“Feijoo é o único candidato que garante o investimento comprometido pola Xunta en Coruña”

Martín Fernández Prado (1966) ocupa o terceiro posto na lista provincial do Partido Popular para as eleccións autonómicas do vindeiro domingo. Profesor de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, foi tenente de alcalde da cidade entre 2011 e 2015 e segue a ser concelleiro. Ocupou o cargo de director de Urbanismo da Xunta entre 2003 e 2005, e, como deputado, representou ao PP en varias comisións parlamentarias na pasada lexislatura autonómica. Con el iniciamos unha rolda de conversas con representantes dos principais partidos da cidade diante da cita autonómica.

Que balance fai da lexislatura 2016-2020 para a cidade da Coruña?
O balance de Feijóo na nosa cidade supón numerosas actuacións desenvolvidas para apoiar ás familias en todos os ámbitos: desde máis medidas de conciliación ata as de apoio aos maiores, reforzando a atención en dependencia e nos fogares, ou na educación pública, con máis centros educativos.

No balance destaca a construción e posta en marcha dos centros de día de Monte Alto e Eirís. Coa nova residencia en Eirís o número de prazas públicas para maiores na cidade terase incrementado nun 138 por cento. E en canto a ratio en prazas de escolas infantís, o crecemento tamén foi significativo, con tres novas en Eirís, Monte Alto e Sardiñeira, pasando do 24 por cento do ano 2009 ata o 38 por cento.

Ademais, invertíronse 100 millóns en melloras no CHUAC, duplicouse o número de prazas públicas para persoas con discapacidade. 25 millóns de euros se destinaron a axudas de inserción laboral, e recibiron apoio 2.000 familias en risco de exclusión.

Despois de atender a demanda de que os autobuses interurbanos entrasen ata o centro da cidade, e de que os menores de 21 anos viaxen gratis, estase a traballar na renovación total de liñas de transporte interurbano, o que fará posible a conexión directa cos hospitais. Reforzáronse, por outra banda, as conexións co aeroporto de Alvedro e cos polígonos industriais, con 212 millóns de euros nos accesos.

A mobilidade ten experimentado importantes melloras grazas a obras como o Túnel do Parrote, a Terceira Ronda, a Vía Ártabra ou os accesos ao Polígono de Sabón. Ademais, a estación intermodal da Coruña vai supor un cambio radical na cidade.

Tamén se fixeron actuacións para o saneamento da Ría do Burgo, tras un investimento de 100 millóns de euros. En canto aos terreos portuarios, a Xunta foi a única administración que garantiu recursos para a titularidade pública con 20 millóns de euros.

A rehabilitación de edificios emblemáticos, como o da Fábrica de Tabacos, que acolle o novo edificio xudicial, foi outra das liñas de acción. Tamén a do Espazo Amizar, que fará posible dar un novo sentido á antiga sede de Sanidade na Ronda de Nelle para o seu uso polas entidades sociais.

Que se xoga a cidade nestas eleccións?
O 12 de xullo Galicia xógase moito, pero Coruña tamén.

Feijóo é o único candidato que garante a execución dos 500 millóns de euros en investimentos comprometidos pola Xunta en Coruña: 400 millóns para o Novo CHUAC,18 millóns para a parte dos autobuses da estación intermodal, 21 millóns para un Centro de Estudos Avanzandos e subvencionar proxectos na Cidade das TIC, 20 millóns para blindar o carácter público dos terreos do porto, o centro de saúde en Santa Lucía ou un  Ecobarrio en Monelos-Barrio das Flores, entre outras.

A mellor proba do compromiso de Feijóo é que inviste na nosa cidade o triplo que o concello e máis que as outras tres administracións xuntas, con obras en execución como o novo colexio en Novo Mesoiro, o Centro  Amizar para entidades sociais, a Residencia de maiores en Eirís ou as vivendas sociais no Ofimático.

Teremos que elixir entre un Feijóo que ofrece certezas, garantías e compromiso coa nosa cidade ou un  multipartito que non funcionou no anterior goberno municipal, anulando contratos xa asinados como o Remanso ou a praza de Monte Alto, nin funciona nas administracións, aprazando investimentos como a remodelación de Alfonso Molina, o tren ao porto exterior, a súa parte da intermodal ou a rexeneración da ría, entre outras.

Por tanto, pedimos aos coruñeses que apoien co seu voto a Feijóo porque demostrou con certezas que é a única garantía para mellorar os servizos públicos e asegurar os investimentos de futuro de Coruña.

Que expectativas electorais ten o Partido Popular na cidade e en Galicia?
O PP pide unha participación masiva para elixir o mellor para Coruña e para Galicia entre as dúas opcións posibles: Feijóo ou un mexunxe. Tras tomarse todas as medidas, poderase votar con total tranquilidade e normalidade é polo tanto animamos a todos os coruñeses e todos os galegos a votar o próximo domingo.

O 12 de xullo, os coruñeses e os galegos están chamados a escoller entre un multipartito ou un goberno, a inestabilidade ou a estabilidade, experimentos ou a experiencia ou entre ir á contra ou a unión de todos a favor dun futuro certo para Galicia.

Nun momento de división entre partidos, de inquedanzas e no que se busca o enfrontamento, e o que Feijóo propón é unión, entendemento, confianza, xestión e certezas.

O PP non quere unha Coruña ou unha Galicia divididas en partidos, senón unha Coruña e unha Galicia que sigan traballando conxuntamente. E que, fronte aos que pretenden fragmentala segundo ideoloxías, quere ser o presidente dun pobo que se mantén unido ante as dificultades. Porqueo seu obxectivo é que toda Galicia saia gañando. 

Son necesarias certezas ante a pandemia e ante as dificultades sociais e económicas derivadas dela. E, ante a continuidade do virus e as posibilidades de rebrote, Galicia precisa unha resposta coordinada e eficaz que só Feijóo pode ofrecer.

Con Feijóo, Coruña e Galicia será capaces de encarar o futuro con máis oportunidades. Farao apostando por un ensino máis completo e competitivo, apoiando ás familias e aos maiores, reforzando as políticas de innovación, respectando o medio ambiente, potenciando o medio rural e o mar, integrando o urbano e o rural e confiando nos mozos. 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s