“A incompetencia da xestión de Feijóo condena a Coruña á irrelevancia”

Mercedes Queixas Zas (1968) ocupa o terceiro posto na lista electoral provincial do BNG para as eleccións autonómicas. Profesora e escritora cunha ampla obra en galego, é membro correspondente da Real Academia Galega dende 2018. Falamos con ela sobre as necesidades da cidade tras facer un balance da lexislatura xa pechada.

Que balance fai da lexislatura 2016-2020 para a cidade da Coruña?
Esta lexislatura foi para A Coruña e a súa comarca unha oportunidade perdida. Feijóo non ten balance de xestión que presentar na nosa cidade. A súa folla de servizos é nula. Nestes anos o maior investimento público da Xunta de Galiza do Partido Popular de Feijóo na nosa cidade limítase á inauguración dunha pasarela no extrarradio que dá entrada a unha grande superficie comercial de carácter privado. O PP practicou unha política favorecedora das grandes superficies, deixando de lado os intereses do pequeno comercio. Esa política, que xa se demostrou como fracasada, baleira as rúas dos barrios e deíxaos sen o seu principal elemento de dinamización.

Mentres tanto, a cidade está a vivir un profundo proceso de desindustrialización e teño que lembrar que a Xunta ten competencias plenas en materia industrial. Tampouco se creou ningunha praza pública de residencias para maiores, ningunha praza pública de escolas infantís, ningunha vivenda pública que facilite o acceso a un dereito fundamental; a maiores, desatendeuse a calidade asistencial da sanidade pública, con graves carencias na atención primaria, e eis temos a precarización das condicións laborais das profesionais da saúde ou xa indo ao concreto a non cobertura de prazas de pediatría en centros de saúde nin de especialistas de xinecoloxía nos Centros de Orientación familiar do Ventorrillo e Orillamar.

Tampouco se atendeu a mellora da mobilidade co obxectivo de vertebrar internamente o noso país e o exemplo máis claro témolo nas conexións ferroviarias A Coruña-Lugo ou A Coruña-Ferrol máis propias das primeiras décadas do século XX que da altura do XXI en que nos atopamos.

E por se faltase pouco, o goberno de Feijóo non dixo nin chío ante o voto contrario do PP en Madrid, baixo o goberno de Rajoy, que impediu a tramitación da transferencia a Galiza da AP-9, eixo estratéxico para estimular a economía galega.

E a respecto do proxecto da amplicación do CHUAC, estase a facer sen o necesario diálogo coa veciñanza afectada polas expropiacións. Aínda por riba, o plan director do actual hospital está moi lonxe de ter sido completado. Non deixa de ser rechamante que se proxecte un novo CHUAC cando no actual cada verán se desmantelan por volta de 300 camas.

En definitiva, A Coruña non avanzou, do mesmo xeito que Galiza tampouco o fixo, porque o proxecto do PP está esgotado, non ten aspiracións de futuro.

Que se xoga a cidade nestas eleccións?
A nosa cidade xógase todo, como Galiza no seu conxunto. A Coruña era a capital financeira e industrial galega e a incompetencia da xestión de Feijóo está a condenala á irrelevancia. Converter esta cidade nun local de ocio do sector terciario e con proxectos de dinamización económica unicamente orientados ao turismo é mermar as súas potencialidades.

O coronavirus deixounos moitas aprendizaxes. Debemos coidar dos servizos públicos básicos (sanidade, educación, benestar), atender a mellora das condicións de traballo dos servizos esenciais, apoiar a ciencia e a investigación, investir en I+D+I, avanzar na economía verde, coidar do comercio local e apostar pola economía de proximidade.

A Coruña ten no porto unha grande oportunidade de creación de riqueza. Infelizmente está a ser moi mal administrado por parte dunha Autoridade Portuaria cuxo titular foi designado por Feijóo. Unha Autoridade Portuaria que, aínda por riba, pretende facer caixa especulando coa fachada marítima da cidade para pagar os sobrecustos do porto exterior, orixinados en boa medida pola súa mala xestión.

A Coruña precisa traballar de forma coordinada coa área metropolitana como unha gran cidade, xa que é preciso reforzar a intercomunicación entre os diferentes concellos da comarca.

Temos todo por refacer, por renacer. Precisamos outra vontade política sensíbel co público e que se afaste da política privatizadora que caracterizou esta década de goberno do PP de Feijóo.

Que expectativas electorais ten o PP na cidade e en Galicia?
As enquisas confirman unha tendencia á alza progresiva que nós comprobamos no día a día. Hai moita ilusión compartida porque o pobo galego percibe o proxecto de país do BNG como propio, ao tempo que o ve como críbel e útil, tal e como se constata nos diferentes lugares onde se ten posto en práctica desde a acción de goberno.

O BNG é a única forza que segue a medrar en intención de voto, mais é preciso que a sociedade se implique o próximo 12 de xullo convertendo nun voto ao BNG, liderado pola nosa candidata Ana Pontón, o desexo de cambio galego, a confianza nas oportunidades que temos como pobo galego, no noso talento e na nosa capacidade de traballo. E, si, si hai desexo de cambio galego. As enquisas dinnos que o 60 por cento das galegas e dos galegos queren unha mudanza en Monte Pío. Terémola se nos mobilizamos masivamente!

É moita hora de transformar o enfado, a decepción, a manifestación e os aplausos nun voto que xera alternativas para o país desde o coñecemento da nosa propia realidade.

Precisamos saír deste tempo morto e poñer Galiza a producir. Ana Pontón representa o futuro de confianza, esperanza e oportunidades para Galiza. Un voto ao BNG é un voto de amor por Galiza. Confío moito no noso pobo e sei que o 12X faremos historia e faremos de Ana Pontón a primeira presidenta nacionalista e feminista da nosa nación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s