
Antón Gómez-Reino (1980), veciño da Coruña, secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso dende 2015, é o candidato de Galicia en Común á presidencia da Xunta de Galicia. Analizamos con el a situación da cidade e os retos ante a nova lexislatura, así como as expectativas da coalición que encabeza.
Que balance fai da lexislatura 2016-2020 para a cidade da Coruña?
A Xunta tivo secuestrada a cidade da Coruña, incumprindo os seus compromisos sistematicamente só por facer dano ao goberno municipal, sen pensar na cidadanía. Os grandes investimentos, como a intermodal, non se levaron a cabo por inacción da Xunta, que nin sequera se puxo dacordo co ADIF. A isto hai que sumarlle outras promesas electorais incumpridas como o caso dos 20 millóns de euros que Feijóo prometeu para impedir a privatización do muelle de batería e Calvo Sotelo do que a día de hoxe non se sabe nada. Tamén a ampliación do CHUAC, longamente prometida e sen terse levado a cabo, pasando por riba incluso das 27 familias que viven ao redor do hospital, que se enteraron pola prensa de que a Xunta pretendía derrubar as súas vivendas.
Que se xoga a Coruña nestas eleccións?
Ter un goberno a fronte da Xunta de Galicia que se preocupe polos coruñeses e coruñesas e non tome decisións pensando en intereses partidarios. Se eu son presidente da Xunta gobernarei pensando na veciñanza e non en quen goberna en cada cidade. A isto sumámoslle que nós seguiremos a defender a nosa posición en relación ao futuro dos peiraos interiores da cidade para evitar que sexan pasto da especulación, como pretendeu o Partido Popular. Entre os nosos compromisos para a cidade incorporamos no programa electoral unha aposta decidida pola intermodalidade e o transporte público metropolitano. Fronte a un goberno de Feijóo que no último ano de lexislatura só construiu catro vivendas de protección pública, nós garantiremos o acceso á vivenda a todas as persoas menores de 35 anos que o precisen para a súa emancipación.
Cales son as expectativas electorais de Galicia en Común?
As expectativas son boas porque somos unha candidatura diversa, plural e que aglutina diversas sensibilidades. Na Coruña, concretamente, queremos aproveitar o capital político da Marea Atlántica, que apoia e forma parte da candidatura. Estamos vivindo unha campaña que vai a máis, na que percorremos o país de norte a sur, de leste a oeste e falamos con moitos colectivos e con moitas persoas que nos trasladan o seu desexo de cambio. Se nos mobilizamos, tanto na cidade da Coruña como no resto de Galicia, Feijóo será historia de Galicia