“Houbo neglixencias na xestión das residencias privadas e no control da Xunta ante a COVID-19”

DESPACHO ABOGADOS XOAN ANTON PEREZ LEMA

O avogado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema leva trinta anos na profesión, na que se ten significado na defensa de colectivos vulnerables. Nestas décadas ten asesorado ou defendido a insubmisos e obxectores de conciencia do servizo militar ou a afectados polas preferentes, entre outros colectivos. A pandemia da COVID-19 deixou ao descuberto a peor cara do sistema de coidados e de atención á dependencia. Como secretario xeral da  Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga), Pérez-Lema prepara xunto aos familiares de usuarios de residencias privadas de toda Galicia unha gran querela colectiva contra DomusVI, a grande compañía de residencias privadas, a nivel estatal.

Que podes contarnos desta querela?
Presentaremos una demanda colectiva en outono, logo de identificar e dirixirnos ao universo de persoas residentes tanto en Geriatros como sobre todo en Quavitae, que son as dúas entidades principais (xa que DomusVi é un grupo de empresas, algunhas con só unha ou dúas residencias). Unha das máis importantes é  Quavitae, que ten o centro operativo en Barcelona, que é dende onde opera o grupo DomusVi maioritariamente, aínda que teñan aquí a sede e domicilio fiscal de Geriatros (a principal empresa, nacida en Vigo e ligada inicialmente a Caixa Nova) e tamén a propia empresa matriz GeriaVi. Temos que facer unhas dilixencias preliminares para conseguir esa lista de contactos e dirixirnos a todos eles. Despois poderemos presentar a demanda civil colectiva a nivel de todo o Estado, centrado no xulgado de primeira instancia de Vigo como centro operativo da sociedade matriz e de Geriatros, a máis importante en Galicia.

En paralelo, estamos a impulsar accións xudiciais naqueles casos de mortes en residencias onde entendemos que existiu neglixencia no contaxio previo da COVID-19 que levou ao falecemento. Presentamos xa unha en Cangas, outra na Coruña por un falecemento na residencia de Matogrande, e estamos pendentes de seis ou sete das persoas falecidas das 53 que morreron na residencia compostelá de San Lázaro. A fins da semana que vén teremos xa presentadas tres querelas criminais en Cangas, Santiago e na Coruña por falecementos, entre outros lugares, nas residencias de Matogrande e Concepción Arenal.

Son duas accións paralelas, daquela.
Si, a xeral e os casos concretos de falecementos ou lesións graves (as persoas dadas de alta por COVID-19 poden padecer secuelas importantes). Nestes casos, estamos a exercer accións penais contra a dirección das residencias; contra Josefina Fernández como administradora única de Geriátricos SAU e conselleira delegada do grupo e da sociedade matriz; contra Ildefonso de la Campa, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta, e contra a xefa do servizo de inspección desta dirección xeral. En ocasións, a querela amplíase contra a dirección dos servizos médicos da correspondente residencia. Por exemplo, no caso da Coruña.

É difícil probar a existencia de delito nestes casos? Como pode probarse que as mortes se deban á neglixencia?
É evidente que o virus non entrou en todas as residencias. Entrou, inicialmente, polo incumprimento do ratio legal de 0,35 traballadores por residente dependente -que é un incumprimento moi habitual, como di o informe do Consello de Contas de 2017 sobre a situación dos tres anos previos e as denuncias recorrentes das traballadoras de residencias de Galicia-. Esas carencias tamén se ven na falta de persoal para cubrir as quendas de vacacións e días festivos. Incluso TREGA ten denunciado a progresiva substitución do persoal cun grao de formación superior por outras cun ciclo formativo moi breve -como catro meses- e contratadas en formato de prácticas, que soen ser persoas cunha situación de risco de exclusión moi grande: son persoas menos formadas e moito máis dependentes, nun modelo de contratación de clara explotación. Por tanto, menos persoal, menos formación e a falta de adopción das medidas oportunas provocan a entrada da COVID-19. Hai que ter en conta que as residencias si son institucións sociosanitarias, porque todos os contratos de Geriatros están supeditados á ratificación por parte dos servizos médicos. Unha persoa que padece unha enfermidade infectocontaxiosa non pode ser admitida nunha residencia. Toda persoa infectada debía ser evacuada.

“O colectivo de traballadores das residencias privadas atópanse ás veces contratadas nun modelo de clara explotación”

Entra o coronavirus, daquela, por carencias manifestas de persoal, tanto en cantidade como en formación, e por non tomar medidas eficaces. Un exemplo de medidas eficaces está na residencia La Milagrosa de Carballo, privada, dirixida polo catedrático de xeriatría da UDC. Cando se declarou a pandemia por parte da OMS, el convoca un comité de crise. Dende ese día prohíbense as visitas e a entrada de provedores na residencia. Implementáronse protocolos correctos, como en todas as residencias públicas onde non houbo un só positivo. O virus entra, na maioría dos casos, insisto, por unha grave neglixencia de xestión e, probablemente, da Xunta de Galicia por falta de inspección e por permitir que se dea a prestación aos dependentes nestas circunstancias. Cando xa son diagnosticados, que sucede? No caso desta persoa falecida na Coruña, que non se tomou a medida de hospitalizala -isto é, derivala a un centro integrado-. O médico dirixiuse á familia indicando que se o estado da paciente se agravaba, como moito, sería sedada. Aí pode haber, eventualmente, a participación criminal dalgún acto cargo do Sergas, pero tamén do director de servizos médicos que impide o paso desa persoa a un tratamento hospitalario. Todos podemos entender que unha persoa de oitenta e moitos anos non sexa candidata a un respirador, porque a extubación pode ser un proceso moi conflitivo e a sobrevivencia moi curta. A primeira regra médica e non danar. Pero a hospitalización non está só para meter a unha persoa na UCI nin cun respirador.

“Houbo casos en que se denegou a atención sanitaria necesaria”

A hospitalización é precisa, porque moitas persoas requiren un soporte de osíxeno -non un respirador- e unha atención continua que non ten nunha residencia. É significativo que a residente da Matogrande que falece o día 6 de abril fora diagnosticada o 31 e, durante a fin de semana previa á súa morte, practicamente non hai médicos nin enfermerias, senón que están baixo a atención de auxiliaras de clínica. Ás 13h do domingo 5 diagnostícanlle unha saturación do 75%, que é practicamente incompatible coa vida. E non avisan á familia, á que só lle din que almorzou tranquilamento o luns 6, que o seu estado se agravou despois e faleceu ás 10:45h da mañá. O domingo 5 había unha situación que esixía unha hospitalización inmediata. A neglixencia criminal dáse en varios casos tanto na propia introdución do virus no centro como na evolución dos casos, onde non se toman medidas de atención médica. En resumo: hai neglixencia na entrada da doenza (nas carencias de vixilancia da Xunta, de formación de persoal e de toma de medidas directivas), e despois na falta da debida atención medida (coa non derivación de pacientes a centros hospitalarios, onde pode haber neglixencia por parte de médicos, directores e persoal do Sergas).

O que nós facemos en todas as querelas, ademais do historial médico que nos acheguen familiares ou usuarios, é pedir todo o historial médico do Sergas e o historial clínico das residencias, incluídas as ordes de enfermería. Pedimos tamén a relación de medidas a partir da declaración da pandemia o 11 de marzo. Serán procesos de investigación longos, porque a xustiza se demora bastante, pero fundamentais para poder depurar responsabilidades.

Pódese falar dunha responsabilidade penal das residencias e doutra política das administracións?
Si. Hai tres tipos de residencia. O primeiro é o daquelas de titularidade e xestión pública, como o Consorcio de residencias autonómicas e municipais. O segundo é o das residencias públicas de xestión privada, como a Concepción Arenal da Coruña, que debe cumprir unha normativa de concesión que adoita mellorar a normativa xeral e ten carácter de requisitos contractuais adicionais. E por último as residencias de titularidade e xestión privada, onde deben aplicarse os límites legais xerais dos que depende a concesión da licenza de actividade e deben someterse á inspección continuada da Xunta. Volvo remitirme ao informe do Consello de Contas de 2017 que documenta varias faltas constitutivas de responsabilidade disciplinaria que non se subsanan e, sen embargo, ante as que a Xunta de Galicia non continúa co expediente sancionador. É unha responsabilidade política da práctica totalidade do período de Feijoo. Déixase ao sector privado todo o campo operativo e inténtase un proceso de desnormativización, convertida nunha actividade privada sen carga normativa. Está claro que mantén unhas relacións evidentes con determinados elementos do Partido Popular de Galicia.

“A política destes anos foi desregularizar”

Unha das primeiras medidas da Xunta en materia social no verán de 2010 foi vender a participación do 47,5% que tiña a Xunta de Galicia na Sociedade Galega de Servizos Sociais, titular de cinco residencias que foran un moi potente proxecto de Anxo Quintana durante o goberno bipartito PSdG-BNG. Coa fusión das vellas caixas de aforro, Sogaserso quedou ao 100% como parte de NovaCaixaGalicia. A partir dese momento, Sogaserso arrendou a Geriatros -que tamén era de NovaCaixaGalicia- esas cinco residencias. Que ocorreu? Esta participación en Sogaserso quedou no ámbito de NovaCaixaGalicia e no ámbito da actual AFundación, vinculada por contrato programa con Abanca. Geriatros quedou na actividade bancaria, e foi vendida a un fondo portugués en 2014 e logo a un francés en 2017. En 2018 esta estrutura é comprada por Quavitae e artéllase o actual grupo DomusVi. A liña do Goberno Feijoo, con Bea Mato en Benestar Social, foi a de privatizar e desregular. Pasamos dunha atención de entidades de economía local e de vinculación social a fondos que priorizan o beneficio. Se botas unha ollada ás contas do 2018 de Geriatros ves que a súa obsesión é o control de custos de persoal e a maximización da facturación. Esa maximización do beneficio recorta ata en alimentación: gástase en Barreiro Vigo (titularidade pública e xestión privada) menos de cinco euros ao día por usuario en alimentación. Cando a titularidade privada é pura aínda non chega a catro euros ao día. E os beneficios de Geriatros foron de 17 millóns de euros sobre 85 millóns de facturación. Gaña o cuádruplo do que lle custa dar de comer. Son contas botadas de forma rápida e bruta, pero son indicativas.

“O único obxectivo era maximizar os beneficios no canto de ofrecer un servizo”

Este foi o modelo: macrorresidencias centradas nas economías de escala, que son moi boas para reducir custos e posibilitadas pola propia regulación urbanística. Un modelo que posibilitou privatizar, e facelo ademais en beneficio de entidades que non operan na economía local -isto é, non xeran un retorno circular no mesmo lugar-, e que causa unha degradación do servizo. Os afectados lembran que, dende que comprou DomusVi a Quavitae, se come moito peor. É indicativo de cal é a política destes grupos. É a faciana dunha realidade impulsada á mantenta pola Xunta, que desregulariza en beneficio do capital internacional no canto das iniciativas locais. Mesmo afecta ao modelo urbanístico, con macrosoares onde só se poden construír macrorresidencias e non vivendas ou outros equipamentos. É unha cuestión impresionante, se facemos unha análise ampla. O outro día vindo de Lugo collín por Outeiro de Rei para coller a autovía da Coruña, e ves esa macrorresidencia, que foi completamente chave na aprobación do PXOM do municipio.

A maior polémica coa COVID-19 nestas eleccións está a ser a situación da Mariña, onde mesmo hai persoas que non poderán votar por ser positivas na doenza. Cal é a túa opinión como experto en leis?
O dereito ao voto está suspendido polo Goberno galego e polo de Euskadi. En principio, é de moi dubidosa constitucionalidade impedir o exercicio dese dereito. A estas persoas había que posibilitarlles unha alternativa para poderen exercelo. Isto tamén o ten dito Pérez Royo. No fondo falamos de dous dereitos fundamentais: o dereito á vida e á integridade física (artigo 15 da Constitución, do cal deriva o dereito á saúde pública), e mais o dereito á participación política recollido no artigo 23. Coas medidas adoptadas pola Xunta -estamos vivindo un brote con máis casos que o momento en que se declarou a alerta sanitaria en Galicia, ata un 30% máis que o venres 13 de marzo-, estanse adoptando medidas insuficientes. Podemos comparar co que fan administracións coma o estado australiano de Victoria. Somos o único país onde se toman corentenas de cinco días. Coa suspensión do dereito a voto dos positivos e coa restrición do dereito de movemento dos contactos e en xeral da poboación de varios concellos da provincia de Lugo, estase limitando o dereito á participación política. Non se dan as condicións para poder formar unha opinión de cara ao dereito ao voto, o que limita susbtancialmente o exercicio deste dereito. As eleccións na Mariña non poden celebrarse con garantías democráticas. O acaído sería suspender as eleccións na zona. Non é unha situación normal, pero hai precedentes de repeticións de eleccións locais. En resumo, a Xunta de Galicia non está facendo todo o posible para defender o dereito á vida e á saúde pública porque quere priorizar unha normalidade electoral inexistente. E, por outra banda, está limitando o dereito á participación política. A actuación da Xunta de Galicia vulnera os dereitos fundamentais do artigo 15 e 23 da Constitución. No conxunto de Galicia, máis alá da Mariña, poden facerse distintas valoracións, pero a miña é que non era momento de celebrar as eleccións.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s