Institucións e partidos da Coruña impulsan e apoian accións legais contra a Liga

EdZvmjDXYAkjiLB

A alcaldesa da Coruña,  Inés Rey García, porá mañá en coñecemento do fiscal xefe da Audiencia Provincial os feitos relacionados co partido de Liga de 2ª División que ían disputar no Estadio Municipal de Riazor o pasado luns o Real Club  Deportivo da Coruña e o C.F. Fuenlabrada, por se foren constitutivos de delito. O Concello considera que existen indicios do coñecemento por parte das persoas responsables da Liga Nacional de Fútbol Profesional da existencia de positivos ao virus de membros do club Fuenlabrada antes de emprenderen a súa viaxe á cidade.

“De ser certa a existencia de test positivos antes de iniciaren o seu traslado para a realización do encontro estaríase incorrendo por parte da Liga Nacional de Fútbol Profesional nunha conduta imprudente que lles puido provocar numerosos contaxios a outros membros do equipo e ás persoas coas que tiveron contacto (nos medios de transporte utilizados, durante a súa estadía no hotel da cidade en que se hospedaron etc.)”, sinalan fontes municipais. No escrito solicitarase da Fiscalía que se incoen dilixencias informativas de cara a esclarecer os feitos, pois de seren certos os indicios estariamos ante unha conduta imprudente con risco exponencial para a saúde pública.

A alcaldesa solicita que Fiscalía realice unha investigación e se lle solicite información á Liga Nacional de Fútbol Profesional sobre os resultados dos test de coronavirus realizados aos xogadores do F.C. Fuenlabrada antes da realización do partido previsto para o 20 de xullo de 2020, con indicación da data en que se efectuaron e a data en que llos comunicaron á Liga.

No escrito a alcaldesa solicitará da Fiscalía que investigue a ausencia de comunicación por parte da Liga de Fútbol Profesional dos contaxios ás autoridades sanitarias de Madrid e Galicia. Lembra que existen indicios, corroborados por manifestacións das persoas responsables sanitarias de ambas as comunidades autónomas, da inexistencia de comunicación inmediata deses positivos por parte da Liga de Fútbol Profesional.

Inés Rey considera que “os indicios e feitos que imos coñecendo acreditan un comportamento absolutamente imprudente e neglixente por parte da LFP, que creou un risco sanitario evidente ao non comunicar inmediatamente o foco de contaxio existente no Fuenlabrada, e impediu que se adoptasen as medidas de illamento por parte das autoridades sanitarias”. A alcaldesa da Coruña agarda que se esclarezan os feitos e se depuren as responsabilidades que poidan derivarse deste comportamento por parte das persoas responsables do Fútbol Profesional.

Reaccións dos partidos
Os partidos políticos da Coruña tamén reaccionaron ante esta situación. O PP amosou a súa solidariedade con todas as persoas afectadas por esta “situación inxustificable”, especialmente o persoal do hotel Finisterre, “polos riscos derivados da presenza, sen coñecemento nin control, de contaxiados no club madrileño”. Os populares manifestaron o seu apoio ao Dépor nas accións que decida emprender pola non suspensión da xornada.

Para o BNG, “é extraordinariamente grave que por parte da Liga de Fútbol Profesional (LFP), a Federación Española de Fútbol e o Consello Superior de Deportes, organismo dependente do Ministerio de Cultura e Deporte, se tivese permitido ao CF Fuenlabrada viaxar á Coruña para disputar o encontro co Deportivo en Riazor cando xa o sábado 18 se sabía, presuntamente, que 1 xogador e 3 integrantes do corpo técnico do conxunto madrileño deran positivo por COVID-19”. “Estamos diante dunha gravísima neglixencia na que se vén de pór en risco da maneira máis irresponsábel que caiba imaxinar o imprescindíbel dereito á saúde pública de toda unha cidade”, considera o portavoz municipal do BNG no Concello da Coruña Francisco Jorquera. os nacionalistas propuxeron inmediatamente ao goberno local o inicio de accións legais contra a Liga e contra o seu máximo responsábel, Javier Tebas, por ter tomado “decisións absolutamente irresponsábeis que veñen de pór en grave perigo o dereito básico á saúde da poboación da nosa cidade”. A través do deputado no Congreso Néstor Rego o BNG presentaba no mesmo día de onte, martes, unha batería de iniciativas dirixidas ao Goberno do Estado para obter toda a información necesaria sobre o papel do Consello Superior de Deportes e esixir a depuración de responsabilidades ao máis alto nivel.

Javier Tebas, persoa non grata na Coruña

Pola súa banda, a Marea Atlántica rexistrou hoxe unha proposta para declarar a Javier Tebas, presidente de La Liga, persoa non grata na Coruña, “por ser o responsable último de autorizar a viaxe do C.F. Fuenlabrada á cidade a pesar de coñecer desde o sábado que o equipo tivera varios positivos por COVID19”. Ademais, “ocultoulle está información ao Servizo Galego de Saúde ata as oito da tarde do luns”, recordan. A Marea censura que no canto “de actuar con responsabilidade e respectar os protocolos das autoridades sanitarias, cancelando a xornada, Tebas tentou ata o último momento manter o partido previsto en Riazor, arriscando a saúde pública de toda a veciñanza coruñesa cun posible brote de coronavirus”.

Na Marea suman, ás “graves consecuencias sanitarias”, un impacto “moi negativo” sobre a imaxe da cidade ocasionado pola “irresponsable viaxe do Fuenlabrada”. Alertan de que se traduce xa no plano económico, “empeorando as difíciles condicións actuais”. Na proposta, inclúen tamén un apoio unánime á hostalaría coruñesa, afectada xa por múltiples cancelacións ante o medo a un rebrote. como denunciou onte a Asociación de Hospedaxe da Coruña.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s