O proxecto para os Cantóns, á vista no Obelisco

A zona Obelisco presenta estes días o proxecto de remodelación dos Cantóns en catro cubos gráficos, en que as e os coruñeses poderán coñecer a actuación prevista entre A Mariña e a rúa Juana de Vega, en que se recuperarán 11.000 metros cadrados para seren utilizados pola cidadanía. A veciñanza achegarase visualmente a unha actuación en que se peonalizarán as rúas Compostela, rúa Nova, Entrexardíns e o treito final de Santa Catalina para crear espazos públicos de calidade coas garantías de accesibilidade para todo o mundo.

A reforma unificará o chan actualmente en desequilibrio nunha zona, que se adaptará á realidade da mobilidade actual con máis persoas que vehículos. A exposición deixará ver un trazado en que haberá un carril en cada sentido, co fin de que as e os peóns teñan máis espazo para o tránsito e o desfrute. O estudo está redactado pola arquitecta Carmen Calatayud e o arquitecto Xosé Manuel Vázquez Mosquera e responde ao compromiso recollido no programa co que a alcaldesa se presentou ás eleccións de maio de 2019.

A intención do Goberno local é construír unha cidade sustentable, fiel á Axenda 2030. “Queremos levar esta forma de entender a cidade aos barrios para que en todos gocemos de espazos de convivencia”, explicou Inés Rey na presentación. A reforma inclúe a modernización da rúa Santo André, a rolda peonil que conectará o barrio da Agra e Os Mallos con Catro Camiños e San Diego e o paseo marítimo entre o castelo de San Antón e Durmideiras nunha aposta pola calidade urbana, arquitectónica e por recuperar parte do pasado desta cidade. Neste ano, licitaranse as obras de peonalización da rúa Compostela e a idea é poderlle dar luz verde ao resto dos traballos en 2021, para os rematar neste mandato e que a circulación pola calzada nos Cantóns e na Mariña quede finalmente restrinxida ao transporte público, bicicletas, residentes, carga e descarga e de servizos.

Nas imaxes que conforman a mostra, poderán verse recreacións como a da praza de Mina, que será un lugar de estancia cun banco corrido a diferenza da actualidade, que é un sitio de paso. Tamén aparecen referencias á peonalización de Santa Catalina para eliminar a barreira entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande ou o espazo que terá o Teatro Colón a modo de vestíbulo e mais a cidadanía para pasear.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s