O Dépor irá “ata o final”

O Presidente do Deportivo, Fernando Vidal, asegura que o equipo pretende chegar “ata o final” para resolver a actual situación logo da suspensión do partido fronte ao Fuenlabrada e do descenso á 2ªB, segundo informou onte o club branquiazul.

O máximo dirixente da entidade lembrou que o Deportivo se someteu “a unha auditoría pericial. Por desgraza para o Dépor as contas están correctas. Xa me gustaría a min deber menos diñeiro. Imos seguir loitando, pelexando por isto. De aquí temos que saír fortalecidos. As persoas que discreparon e acudirán á Fiscalía ou ao xulgado terán que defender os seus argumentos. E nós ou os anteriores administradores do Club os seus”.

Sobre o caso do partido aprazado en Riazoe ante o CF Fuenlabrada, Fernando Vidal asegurou que “imos ir até o final. Cando digo até o final é até o final. Díxeno o primeiro día, o luns pola noite, cando estabamos todos tremendamente tristes. Entendo que foi un atropelo en toda regra. Hai que defender os intereses do noso Club, da cidade. E así o estamos facendo todos xuntos, incluídas as institucións. A forza que estamos a facer é importante. Agarráchesnos a razón”.

Lembra que “está aberto un expediente que finaliza mañá pola tarde. Á vista da documentación que achegou o Deportivo e despois das diferentes pescudas que faga o xuíz instrutor da Federación Española de Fútbol emitirá un informe. Por tanto hai que esperar, ser cautelosos. Se é favorable estupendo e se non, seguiremos adiante cos organismos aos que teremos que acudir”.

Confesa que “o tiven claro desde o principio. Tiña ese sentimento que se adulterou a competición. Non podes disputar a última xornada… cando nos estamos xogando a vida. Ten que haber xustiza. Non se se a xustiza é descender ao Fuenlabrada, ampliar a competición de maneira provisional. Non se cal é a valoración que se vai a facer. Pero imos estar presionando desde o minuto 1, que foi o luns ás 11 da noite, ata que isto acabe, até o último momento”.

Insiste en que “hai fundamentos xurídicos regulamentarios. O Código Disciplinario da Federación Española de Fútbol vulnerouse”.

Apunta que o luns “me centraba exclusivamente no feito de adulteración da competición. Non disputar un partido na última xornada de liga vulneraba o principio de igualdade que rexe a competición. Por tanto centrábame nese tema como un enorme atropelo cara á nosa entidade. Pero despois vimos outras vías. Había outros incumprimentos, como unha vía sanitaria que provocou todo isto. Ao final quen se infecta son persoas, traballadores. Son empresario. Se teño un problema como ten o Fuenlabrada terei responsabilidades patronais graves. É a reclamación que o Deportivo vai facer ante os órganos competentes da Federación Española”.

Por conseguinte, Fernando Vidal pide “centrarse na pelexa que temos aí. Todos. Vós tamén, os medios de comunicación. Esa pelexa que estamos a facer todos por algo que #éDÉxustiza, defender os intereses do noso Club que foron totalmente pisados”.

Conta que de todas as autoridades competentes, “a primeira persoa coa que falei foi con Javier Tebas. Foi o martes pola mañá e transmitinlle o meu punto de vista. El mostroume a súa posición. Ve as cousas doutra maneira. O erro non nos pode castigar a nós. Nós non xeramos ningún problema. Fomos ao partido con todo o equipo completo. O Deportivo fixo nos últimos meses de competición os PCRs todo o cadro, o corpo técnico, empregados do Club, Consello de Administración. E por sorte non houbo nin un só positivo. É de agradecer. Se o tivesemos actuaríamos dunha maneira máis coherente e máis razoable”.

Preguntado pola actitude doutros clubs galegos e a Federación Galega de Fútbol, o Presidente non quixo entrar en debate público aínda que si insistiu en que “somos un club solidario. Cando houbo que axudar a equipos galegos, demos a cara por eles. Ás veces fáltanos ese apoio. No caso do CD Lugo non teño máis que agradecer, dar as grazas á súa afección que estivo connosco. Mandou un comunicado precioso. Os seus xogadores e corpo técnico, mesmo despois do partido, consideraban que isto era totalmente inxusto”.

Coa chegada de Abanca como socio maioritario, espera que “non se note para nada no día a día. Para eles é unha empresa participada. É probable que propoñan ter unha persoa no Consello, como calquera empresa participada. O esforzo de Abanca é colaborar co Club a tope e non interferir na marcha do Club”. É máis, asegura que este Consello de Administración non perde “nadiña de nada” o seu grao de autonomía. “Faleino ao principio con Juan Carlos Escotet. Faleino moi claro. El fala claro tamén. A independencia do Consello é total. O que fai Abanca é axudarnos no que poida e pódenos axudar moitísimo porque ten moita en reflotar empresas, aínda que non sexan do mundo do fútbol. O fútbol ten unha idiosincrasia diferente e necesitan xente que estea ligada ao fútbol e a un Club cun sentimento tan forte, metido na cidade e na xente como é o Deportivo”, engadiu.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s