Mañá arrincan unhas festas de María Pita 100% galegas

Foto de Concello da Coruña.
Carlinhos Brown en concerto nas festas de María Pita de 2016

O concelleiro Juan Ignacio Borrego presentou este mediodía o programa de festas de María Pita, que darán comezo mañá coa actuación dentro das “Noites de María Pita” do barítono coruñés Borja Quiza, ás 22.00 horas. O edil agradeceulles a súa presenza ao propio Quiza, que acudiu á presentación xunto con Bieito Romero, de Luar na Lubre, que estarán o domingo á mesma hora, e a Olga Kirk, que participará este luns no Parque Europa co espectáculo “Coas miñas mans”, de Pablo Díaz no ciclo “Cascarillarte”, dirixido ao público familiar: “Elas e eles son, sen dúbida, a razón pola que organizamos estas festas”, sinalou Borrego.

Os tres creadores forman parte dun cartel 100% galego en que a cidadanía terá a oportunidade de se reencontrar co directo e cos seus artistas favoritos e “cremos que non hai nada máis terapéutico que a música e a interpretación para un ano tan raro coma este”. O concelleiro realizou un chamado á veciñanza porque debemos “responder todas e todos con responsabilidade. Pola nosa parte, coidaremos de que os eventos se realicen seguindo estritas medidas de seguridade”.

Serán un total 49 eventos desde mañá até o domingo 9, entre os que haberá 22 actuacións musicais, 10 espectáculos de Cascarillarte e unha da Banda Municipal mais as 16 citas programadas dentro do Festival Noroeste Estrella Galicia: “Desde o estilo senlleiro da nosa Sés ás raíces que tantos anos levan aloumiñando os de Luar na Lubre pasando polas corais e grupos como Hot Chocolates ou Dequenvessendo, o público terá onde escoller, pero todos os espectáculos terán o denominador común de seren do país”, nunha posta en escena que se repartirá entre a praza de María Pita,  o Parque de Santa Margarida,  o Parque Europa e o Parque de Eirís.

O programa será simultáneo desde o luns até o domingo coas tres primeiras xornadas dedicadas a bandas locais e galegas dentro de “Música ao vivo” e ás montaxes incluídas en Cascarillarte para pasar a unha cuarta entrega, a do xoves, protagonizada por agrupacións culturais e corais. Por último, o Festival Noroeste Estrella Galicia celebrarase de venres a domingo, combinado con outros espectáculos infantís e musicais.

Os eventos serán todos gratuítos, pero para evitar aglomeracións e que se cumpra coa capacidade máxima permitida, será necesario reservar entrada.

En cada operación poderanse reservar un máximo de dúas localidades que serán nominais. As entradas estarán dispoñibles dous días antes da cita desde as 10.00 horas. A reserva dos tickets para este sábado e domingo poderase formalizar desde as 16.00 horas desta tarde.

Canto ás medidas de seguridade, os asentos estarán separados cunha distancia de 1,5 metros. Borrego pediulle ao público que non se presente se ten síntomas que poidan seren compatibles coa Covid-19 e tamén que as e os espectadores estean 30 minutos antes de cada actuación. Haberá xel hidroalcólico no acceso aos recintos e desinfectarase todo o mobiliario entre montaxe e montaxe: “O que temos moi claro é que suspenderemos os eventos se a situación supón un risco para poboación”. Pola súa parte, os tres artistas agradecéronlle ao concello a valentía de sacar adiante un programa de festas co fin de apoiar a escena local e contentar a un público que necesita da cultura como ben se comprobou durante o estado de alarma.

Novas medidas de seguridade para eventos
Precisamente, tamén hoxe o Concello anunciou novas medidas de seguridade para grandes eventos para evitar novos gromos de COVID-19. Faino a través dun decreto que regula o uso de espazo público para a realización de calquera tipo de eventos. O Concello non autorizará ou concederá licenza para reunións ou eventos de máis de 400 persoas en espazos públicos ou privados de acceso libre e uso público.

Desde a entrada en vigor do decreto, todas as solicitudes de licenzas ou autorizacións deberán cumprir unha serie de requisitos e garantir certas medidas adicionais recollidas neste documento:

No caso de actividades ou eventos en que a capacidade prevista sexa entre 100 e 400 persoas, será obrigatoria a reserva previa e a identificación ao chegar. Ademais, o recinto deberá ter un dobre perímetro de seguridade, con valado e portas de entrada e saída diferente, que serán atendidas polo persoal da organización. Tomarase a temperatura de cada sistente, que deberá ser igual ou inferior a 37,4 ªC. Ademais será obrigatorio o uso de xel hidroalcólico ao entraren e saíren e desinfectarase todo o material que se utilice para a posta en marcha da actividade. As cadeiras ou asentos deberán estar situados a unha distancia mínima de 1,5 metros e estarán agrupadas formando conxuntos dun máximo de 50 unidades identificadas por distintas cores. Cada persoa asistente terá un sitio asignado cunha cor desde o que seguirá a actuación.

Tamén será necesaria a reserva previa paras as actividades en que a capacidade prevista sexa de entre 50 e 99 persoas, que terán que identificarse ao chegar. Deberá instalarse un recinto de seguridade e portas de entrada e saída diferenciada, que estarán atendidas polo persoal. Como no caso anterior, tomarase a temperatura e deberá haber xel dispoñible. Canto ás cadeiras deberán manter unha distancia mínima de 1,5 metros e agruparanse en conxuntos de 20 cunha separación de 2,5 metros entre eles.

En eventos de entre 25 e 49 persoas, será obrigatorio manter unha distancia de 1,5 metros, agás que se trate de membros da mesma unidade de convivencia. Tamén terán que dispor de xel hidroalcólico e a organización deberá dispor dunha lista  cos datos de todas as persoas convidadas. E, por último, nas reunions, eventos o actividades con capacidade de até 24 persoas tamén haberá que manter unha distancia de 1,5 metros, agás se son membros da mesma unidade de convivencia.

O Concello anuncia que calquera actividade que se realice no municipio deberá garantir as normas xerais de prevención fronte á COVID-19. No caso de querer instalar mesas, expositores, barras ou elementos similares, deberase dispor dunha senda de entrada e outra de saída e ofrecerase de balde xel hidroalcólico á xente que asista.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s