A Deputación devolverá á Xunta varios centros educativos e asistenciais da cidade

A Deputación da Coruña iniciará as xestións para transferir os seus centros educativos de asistencia a menores á Xunta de Galicia

A Deputación da Coruña iniciará as xestións para transferir os seus centros educativos e asistencias de menores ás consellerías de Educación e Asuntos Sociais da Xunta de Galicia. Mentres isto non se cumpra, demanda un novo convenio que garanta a transferencia de fondos necesarios para cubrir os custos dos centros. Así o aprobou o pasado venres o pleno da Deputación cos votos a favor de PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica e a abstención do Partido Popular.

A moción afecta ao Instituto de Ensino Secundario Puga Ramón, o IES-Residencia Calvo Sotelo, o Conservatorio profesional de Danza e o Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña, así como ao Centro de Día de Menores de Ferrol. A pesar de que goberno galego ten competencias plenas en materia de ensino e servizos sociais, a Deputación da Coruña ten a titularidade destes espazos aos que destina cada ano 14 millóns de euros, por menos dun millón da Xunta.

Estes son os datos nos que se basea a moción presentada polo Goberno da Deputación, integrado por PSdG-PSOE e BNG, que propón iniciar a transferencia dos centros educativos e asistenciais e, mentres se desenvolven as negociacións, formalizar un novo convenio que garanta por parte da Administración autonómica a transferencia de fondos necesarios para cubrir os custos dos centros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, indicou que o feito de a Deputación manteña a titularidade destes centros “supón un anacronismo histórico” e lastra economicamente, ano tras ano, os orzamentos da institución en detrimento dos concellos. “Son máis de 14 millóns de euros temos que dedicar cada ano a financiar servizos esenciais, pero impropios dunha Deputación”, afirmou o presidente, que se mostrou disposto a “negociar coa Xunta” un marco de financiamento durante un prazo determinado, sempre e cando a administración autonómica asuma uns centros que son da súa competencia.

“Mantemos dous institutos, un conservatorio, un fogar infantil e un centro de menores, con custos desorbitados tratándose de competencias impropias que teñen que ser asumidas pola administración autonómica”, sinalou tamén o portavoz do PSOE, Bernardo Fernández que apelou “responsabilidade institucional para que a Xunta xestione as súas propias competencias”

A voceira do BNG, María Muíño insistiu en que a educación e os servizos sociais son competencia da Xunta de Galicia e “falamos duns orzamentos de máis de catorce millóns cando non achega nin un deles para o seu mantemento” e apuntou tamén que se velará nas negociacións por “garantir os postos de traballo e os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras dos centros”.

Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica votaron tamén a favor da iniciativa, mentres o PP se abstivo argumentando que o goberno provincial “non quere ningunha competencia e si que desaparezan as deputacións”.

Uso de superávits e remanentes das entidades locais
No pleno aprobáronse tamén dúas mocións, unha presentada por Alternativa dos Veciños e outra polo PP, arredor da utilización por parte dos concellos e a Deputación dos remanentes e superávits das entidades locais. A de Alternativa dos Veciños supón convocar a todas as corporacións da provincia para manifestarse antes as portas dos concellos ás 12:00 da mañá do próximo 7 de agosto para reclamar a eliminación da Lei orgánica 2/2012, de estabilidade presupostaria e sostibilidade financeira, e da regra de gasto. A do PP, recolle o “rexeitamento a calquera medida tendente a apropiarse dos aforros acumulados pola veciñanza dos concellos” e provincia e insta ao goberno central a respectar e garantir a autonomía das entidades locais para a xestión dos seus recursos.

Os centros educativos na Covid
O pleno aprobou tamén unha moción presentada por Marea Atlántica referida aos centros educativos diante da Covid e, en concreto, a derivar aos concellos cuestións coma a limpeza dos de educación primaria e das escolas do CRA que se vén agravados polas esixencias de adoptar medidas preventivas complementarias e unha maior frecuencia nas sesións de traballo. A iniciativa defende que a Consellería de Educación abra vías de participación, colaboración e financiamento cos concellos para afondar na colaboración institucional e reclama un forte papel da FEGAMP na defensa dos intereses das corporacións municipais.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s