O Festival Noroeste aposta pola música galega

O 34 Festival Noroeste Estrella Galicia, un clásico do verán coruñés, reformulouse para apoiar ás bandas locais e impulsar as artes escénicas. Na presentación desta edición que tivo lugar onte no Concello, a alcaldesa, Inés Rey, quixo lembrar a Jaime Manso e Nonito Pereira, “os que tivemos que despedir o ano pasado e que foron pezas esenciais da nosa escena cultural coruñesa e sinalou que se lles renderá “unha homenaxe poñendo os seus nomes aos escenarios da cita”. No acto, acudiron ademais do concelleiro Juan Ignacio Borrego, o programador musical Roberto de la Iglesia e Antonio Viejo, director de Asuntos Corporativos de Corporación Hijos de Rivera, as e os familiares de ambos os promotores, que lles agradeceron o xesto ao concello e ás persoas organizadoras. Nonito Pereira Junior, destacou o espírito loitador do seu pai buscando sempre a concordia, mentres que Ana, irmá de Jaime Manso, asegurou que os dous tiñan o tributo máis que merecido.

Viejo sinalou que o cartel se foi modificando segundo a situación da pandemia evolucionaba. Aínda que a situación sanitaria a piques estivo de provocar a cancelación total,, finalmente serán tres días de música ao vivo que volverán conectar coas orixes do festival cando eran as formacións de aquí as que o sostiñan: “Necesitamos animarnos e nada mellor que o Noroeste”.  Ao remate, o vocalista e guitarrista coruñés Pardo, que estará o sábado ás 20h no escenario Nonito Pereira (praza de María Pita), interpretou un tema do seu repertorio.

Programación
Serán tres días consecutivos de música, desde o venres até o domingo, en que as e os artistas actuarán simultaneamente nos escenarios Nonito Pereira (praza de María Pita) e Jaime Manso (no parque de Santa Margarida). En total serán 14 concertos, mais dous viveiros musicais dirixidos ao público máis mozo co fin de que descubra ritmos, sons e historias vencelladas á música contemporánea.

Os directos celebraranse principalmente en horario de tarde ás 20h e ás 22:30h nas tres xornadas e na fin de semana haberá sesións matinais que variarán segundo o escenario das 12:30h ás 13:30h.

O listado de músicos confórmano Allova, Ataque Escampe, Bush Doctors, Cloaca. DL Blando, Laura Lamontagne & PicoAmperio, Moura e a Irmandade Ártabra, Pardo, Sara Sístole, The Bo Derek’s, Triángulo de Amor Bizarro, Víctor Coyote, Viuda Gómez e Hijos e Zeltia e Irevire. Fronte aos obradoiros estarán Javier Becerra & Carolina Rubirosa con “Esto es pop” e Lydia Botana con “De aquí para alá”.

Como acontece no resto dos espectáculos das Festas de María Pita 2020, os concertos do 34 Noroeste Estrella Galicia contarán cun aforo limitado a un  máximo de 400 persoas. Todos os concertos serán de balde, pero haberá que reservar entrada previamente na web do festival e tamén en Coruña Cultura. Para promover a ausencia de papel facilitarase ao público un código QR que poderán amosar á súa chegada ao recinto a través do seu terminal móbil.

Para os directos, rexerán as mesmas normas que en todo o programa festivo. Co obxecto de evitar aglomeracións e garantir que non se supere a capacidade permitida, así como para ter identificado ao público por motivos sanitarios de prevención da COVID-19, as entradas serán nominais e identificarase no acceso as/os espectadores. Cada día ás 10h abrirase a taquilla virtual para que a veciñanza reserve as localidades dos eventos que terán lugar dous días despois.

Medidas de seguridade
As portas para cada espectáculo abriranse 30 minutos antes e logo de cada un dos concertos, os espazos baleiranse para proceder á hixenización do mobiliario entre as montaxes. Dispoñerase de xel hidroalcólico nos accesos e haberá que estar sempre coa máscara.

Os recintos contan cun dobre perímetro de seguridade e sinalización nos accesos. Ademais, os asentos estarán separados entre si 1,5 metros para respectar a distancia social e un equipo de acomodación situará ao público nas localidades. As distancias entre cadeiras non poderán modificarse a excepción daquelas persoas que precisen estaren acompañadas por un motivo xustificado como a mobilidade reducida (haberá espazo reservado para elas).

Ao final do espectáculo deberase prestar atención ás indicacións do equipo de acomodación para evacuar o recinto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s