
A Garda Civil detectou na madrugada do martes, arredor da 1:15h, catro vehículos que, circulando en sentido Coruña pola AC-12 á altura de Perillo (Oleiros), viraban para se incorporar en dirección prohibida en sentido Madrid. Unha patrulla saíu inmediatamente para interceptar os vehículos, mentres outra paraba a circulación para evitar colisións, xa que se dirixían cara ao paso inferior da zona para evitar o cruzamento do Graxal.
Os catro vehículos circularon 1,6 quilómetros en sentido contrario, ata que se lles deu o alto e os seus ocupantes foron identificados pola patrulla. Os condutores, veciños de Santiago de Compostela e membros da mesma familia, manifestaron que estaban a seguir as indicacións do GPS, aínda que ao facelo incumpriron explicitamente os sinais da zona. Todos os condutores deron negativo en probas de alcol e drogas, e foron denunciados por condución temeraria. Perderon 6 puntos de carnet.
O axente Héctor Teixeira, da Garda Civil, sinalou que os denunciados “eran todos familia, e ao acceder o primeiro mal, seguiron todos mal”. O axente lembrou que é necesario “verificar, cando un GPS fai unha indicación, que esta estea permitida pola sinalización da vía”. Tamén recordou que “a manipulación do GPS está prohibida mentres se conduce”.