
A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou este mércores un rogo escrito para que o Goberno Local reactive o voluntariado municipal posto en marcha durante o confinamento, co propósito de prestar axuda a persoas afectadas pola COVID-19 sen outras formas de axuda. Os nacionalistas recordan que ante “a repunta nos casos positivos na nosa cidade, moitas persoas vense obrigadas a gardar corentenas nos seus domicilios sen disporen en ocasións de axuda para cousas tan básicas como ir facer a compra ou baixar o lixo”. Lamentan que “o asunto é especialmente grave para aquelas persoas de idade avanzada ou con mobilidade reducida que viven soas”.
Avia Veira sitúa as “corentenas preventivas” e “os tratamentos domiciliarios das persoas contaxiadas e con Covid-19”, así como o peche dos centros de día e as escolas infantís” como “unha dificultade inmensa para sobrelevar o día a día” para moitas persoas. De aí a necesidade de reactivar o servizo de voluntariado municipal “redimensionándoo e adaptándoo á situación actual”, subliña a concelleira nacionalista.