
Hoxe conmemórase o Día Mundial do Peón. A Coruña celébrao avanzando no deseño e desenvolvemento dunha cidade pensada para camiñar e enfocada en conseguir espazos saudables e habitables.
O Goberno local, dentro do plan Coruña Camiña, pretende sumar máis de 61.000 metros cadrados de espazo peonil, o que representa 2 veces a superficie do parque de Vioño, e facelo en lugares onde antes o protagonismo tíñano os vehículos. Deste proxecto, 44.000 metros cadrados xa son unha realidade para as persoas viandantes.
No Paseo Marítimo, entre o dique de abrigo e o Millennium, conseguíronse 19.110 m²; tamén no Paseo Marítimo, entre a rotonda da travesía dos Rosales e O Portiño, 16.059 m²; e na Mariña-Cantóns recuperáronse para uso peonil un total de 1.955 m² (ao habilitar un carril de circulación para o uso das e dos camiñantes).
Ademais, xa se peonalizaron de maneira provisional as rúas de Alcalde Marchesi, Puga e Parga, Compostela, Monte das Moas e Emilia Pardo Bazán. O concello non descarta que esta medida sexa definitiva, logo de analizar os resultados. Até se lle poderían sumar máis rúas.
Nesta liña, o plan Coruña Camiña recolle distintas actuacións, como a remodelación da rúa Santo Andrés. O proxecto, que está previsto que se licite nos próximos meses e que transformará a rúa nunha vía con árbores, executarase durante o 2022 coa instalación da plataforma única.
Outra das obras de futuro é a reforma definitiva dos Cantóns, en que se recuperarán 11.000 m² para seren utilizados pola cidadanía. Nesta actuación, peonalizaranse as rúas Compostela, rúa Nova, Entrexardíns e o treito final de Santa Catalina para crear espazos accesibles para todas/os. Este proxecto suporá a transformación total do centro da cidade, onde as persoas volverán a ser as protagonistas absolutas. O Goberno local ten previsto licitar este ano as obras de peonalización da rúa Compostela e a súa intención é poderlles dar luz verde ao resto das actuacións en 2021, para as rematar neste mandato e que a circulación pola calzada nos Cantóns e na Mariña quede restrinxida ao transporte público, bicicletas, residentes, carga e descarga e de servizos.
Nun futuro inmediato, tamén se contará coa rolda Peonil, unha actuación que xa está en marcha en distintas fases de execución e que conectará o barrio da Agra e dos Mallos con Catro Camiños e San Diego. En total, será preto dun Km de vía, que servirá para comunicar rúas xa peonís como Ángel Senra, A Gaiteira ou a rúa Barcelona, até completar os 3,5 Km que unen San Diego e a Agra do Orzán.
Ademais, a Coruña adheriuse recentemente á Red de Ciudades que Caminan. E os datos aválano: aproximadamente o 50% dos desprazamentos que se producen na cidade son a pé. Nesta liña, o Concello amósase “comprometido” e seguirá desenvolvendo medidas encamiñadas” a favoreceren os espazos públicos para o desfrute das persoas”.