
A Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero fixo público esta mañá un comunicado onde reflicte a súa posición ante “as Percebeiras”, o proxecto de Labañou. A asociación reclama no mesmo estudar “todas as posibilidades, que sabemos que as hai, para variar o rumbo deste proxecto”. Consideran que “en ars da protección do lugar e do entorno” debe modificarse puntualmente o PXOM e abrir unha “reflexión colectiva sobre as necesidades da veciñanza e da cidadanía”.
A entidade veciñal reclama ademais que o Concello traballe pola dignificación e mantemento deste “espazo común, en pro dunha convivenza máis acorde cos tempos actuais, en pro da saúde emocional e afectiva da veciñanza do barrio co seu entorno, e por extensión, na procura dunha cidade mellor e para todas”. Lembran que a pandemia de COVID-19 obriga a repensar os espazos públicos ao demostrar “a importancia dos espazos comúns, das actividades ao aire libre, da necesidade de respirar”. Por iso piden que se manteñan os espazos abertos existentes e se fomente o uso de zonas comúns.
A Asociación reivindica as Percebeiras “como espazo verde, cun importante valor medioambiental, non só son unha ferramenta para mellorar a calidade de vida do barrio, senón que constitúe un elemento clave para a imaxe da nosa cidade”. Recordan que “este anaco de ecosistema de costa é refuxio de aves, pero tamén é refuxio da nosa identidade atlántica. Visible dende toda a cidade, dialogando coa Torre de Hércules, integra o skyline dunha Coruña que quere ser máis verde”. Fan fincapé no activo turístico da zona natural como alternativa á urbanización.
Vivenda
No comunicado feito público hoxe, consideran que o problema da vivenda na Coruña se debe ao excesivo número de vivendas baleiras e aos altos prezos dos alugueiros. Sinalan que a cidade “leva estancada 30 anos” e “non vai medrar por construír máis ou menos”. Nesta situación, apostan pola rehabilitación de inmobles e a “responsabilidade” para rematar obras inacabadas.
O proxecto
O das Percebeiras está a ser un dos proxectos emblemáticos do actual executivo local. O polígono constará de 12 bloques con 371 vivendas. Un 40% das mesmas destinarase a protección oficial.