
O PP preguntará ao Goberno local no vindeiro pleno pola posta en marcha de medidas de mobilidade “sen consensuar” coa veciñanza e cos comerciantes. Os populares manifestan ter detectado “preocupación” e “sorpresa” entre os afectados polo que cualifican de “improvisación de medidas impostas nalgunhas rúas que non poden entenderse como peonalizacións por non recuperar espazos de calidade”. O PP considera que a forma de proceder do Goberno local xera “polémicas e enfrontamenos”, malia o que aseguran apoiar a mobilidade sostible.
O Grupo Popular preguntará ao Goberno local se prevé ampliar o prazo para que os locais de hostalería instalen terrazas de forma provisional en prazas de estacioamento cando non é posibel na beirarrúa, medida que finaliza o vindeiro día 15.
Ademais, os populares reclaman coñecer as medidas sobre COVID-19 na Policía Municipal, onde aseguran que hai “preocupación pola falta de información e de actuacións de desinfección logo do positivo dun axente”.