Directores de residencias piden o traslado dos positivos para evitar contaxios

A Asociación de Directores e Directoras de Residencias Sociais de Galicia fixo público esta mañá un comunicado no que reclaman da Xunta que, toda vez que se produza un caso positivo nun centro, sexa de usuarios ou de traballadores, se proceda ao traslado do paciente a un dispositivo sanitario axeitado para evitar a propagación de novos gromos de COVID-19 nos centros residenciais. A Asociación entende que deben realizarse as probas PCR a todas as persoas relacionadas co centro (incluíndo tanto residentes como persoal laboral) para poder identificar de xeito inmediato aos contaxiados e separalos dos que non o están. Sinalan que no caso das persoas residentes, “este illamento non se pode facer nos propios centros, xa que non están preparados nin arquitectónica nin funcionalmente” para esa fin, e non constitúen “unidades asistenciais pensadas para atender pacientes infecciosos”.

Os directores consideran que “urxe que a administración sanitaria xunto coas autoridades en materia de Política Social desenvolvan un protocolo para separar dos centros a todas as persoas positivas independentemente do seu grao de dependencia, ben trasladándoas a unidades de hospitalización adaptadas a este tipo de pacientes, ou poñendo en servizo os centros intermedios pechados en Galicia a día de hoxe”. Pensan que urxente que se modifique o procedemento vixente, “promovendo a axilidade nas derivacións, co obxectivo de impedir a repetición de situacións que se viviron desde o inicio da pandemia de espallamento da infección nos centros afectados”.

A entidade que agrupa preto de cincuenta directores e directoras de residencias de toda Galicia ponse ao dispor do goberno galego e o resto de administracións con competencias nesta materia para mellorar os actuais protocolos, achegando o seu “coñecemento da realidade asistencial na busca do mellor afrontamento posible para protexer ás persoas que coidamos nos centros”.

Unha “fonda reflexión”
Dende a Asociación convidan á sociedade a desenvolver unha “fonda reflexión do que está a acontecer nos centros, lembrando o extraordinario esforzo que o persoal das residencias levan feito coa implantación en tempo récord dun enorme número de protocolos de prevención” desde que arrincou a actual pandemia. Consideran que “probablemente sexa o sector onde se implantou a maior cantidade de novas medidas” para combater a COVID-19. Malia iso, denuncian que “nesta segunda onda volven ser os usuarios das residencias o colectivo máis gravemente afectado polos contaxios”. Entenden como factores determinantes que agravan o proceso infeccioso “a presenza de enfermidades previas, a situación de dependencia ou a idade”. Esta realidade obriga a prestar atención específica ás persoas usuarias dos centros, e a revisar “coa axilidade necesaria” os procedementos públicos.

A COVID hoxe
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou esta mañá de que o número número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.082. Destes, 1.445 son da área da Coruña, 796 da de Lugo, 412 da de Ourense, 279 da de Pontevedra, 327 da área de Vigo, 673 da de Santiago, e 150 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 171 en unidades de hospitalización e 3.896 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.200 persoas curadas, rexistrándose 656 falecementos. As catro últimas persoas falecidas foron dúas mulleres de 84 e 62 anos, que estaban ingresadas no HULA e no CHUAC, respectivamente; e dous homes de 88 e 59 anos, ambos ingresados no HULA. Todos eles presentaban patoloxías previas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s