A Coruña acollerá o acto central das Letras Galegas 2020

A Real Academia Galega, diante do empeoramento da situación sanitaria en Ferrol, acordou celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas na súa propia sede, na cidade da Coruña. A institución tiña previsto desenvolver o acto central de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero na cidade natal do autor o sábado 31 de outubro, cadrando co centenario do seu nacemento, tras pospoñer a tradicional celebración do 17 de maio por mor do confinamento da pasada primavera. Mais atendendo a incidencia crecente da covid-19 na comarca de Ferrol nas últimas xornadas e as medidas propostas para frear a expansión do coronavirus na zona, a Academia renderalle tributo ao escritor, filólogo, profesor e académico nunha cerimonia que terá lugar no salón de actos da rúa Tabernas e que poderá seguirse en directo a través da súa web.

O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.

A sede da Academia está a ser tamén ao longo do mes de outubro o escenario do simposio organizado pola institución para profundar nas múltiples facianas intelectuais de don Ricardo. O encontro remata hoxe, 29 de outubro, cunha sesión (19:00 horas) sobre as ideas e as achegas ao idioma de Carvalho Calero que moderará a directora da Sección de Lingua da Academia, Rosario Álvarez, e na que participarán o académico Henrique Monteagudo, o presidente da AGAL, Eduardo Maragoto, e o investigador Serafín Alonso Pintos. As xornadas anteriores profundaron na traxectoria vital, na obra do autor da man de Carmen Blanco, Justo Beramendi, José-Martinho Montero Santalha, Dolores Vilavedra, Pilar García Negro, Alberte Valverde, Pilar Pallarés, Henrique Rabuñal e Laura Tato.

A celebración do Ano Carvalho Calero estenderase ata finais de 2020 coa presentación do epistolario que recolle as cartas que intercambiaron Ramón Otero Pedrayo e o propio Carvalho Calero e a resolución do concurso Contádenos o voso Día das Letras, entre outras iniciativas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s