Os partidos discrepan nas súas valoracións dos Orzamentos Xerais para a Coruña

A proposta de Orzamentos Xerais do Estado que o Goberno de coalición vén de facer pública suscitou reaccións diferentes nas forzas políticas e sociais da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, declarou este mediodía que o Goberno local está “razoablemente satisfeito” con este borrador por confirmar partidas importantes para a cidade como son a dragaxe da ría do Burgo e a estación Intermodal, “dúas demandas históricas que por fin teñen a súa traslación real ás partidas centrais”. Rey apuntou que isto non quere dicir que haxa partes que non poidan ser mellorables, “é un primeiro borrador e agardamos que durante a tramitación dos orzamentos ata a súa aprobación se poidan introducir melloras que completen aínda máis o compromiso inversor do Estado coa Coruña”. Rey explicou que “logo dos tres millóns de euros que o PP destinou en todo o seu mandato ao plan de recuperación da ría, a partida inicial deste goberno contempla 20 millóns para a súa rexeneración e 18,6 millóns para a Intermodal, unha cifra que nada ten que ver cos 1,2 millóns de euros dirixidos polos populares a esta infraestrutura en 2015 e 2016, e moito menos coa nula previsión de 2017 e 2018”.

A rexedora recordou o compromiso social do Goberno central cun investimento de 494 millóns de euros en políticas e en axudas ás persoas autonómas e aos ERTES xunto aos máis de 2.057 millóns de euros para créditos ICO co fin de que as Pemes e as/os autónomas/os manteñan o tecido produtivo e económico do país. Rey engadiu que “despois de oito anos en que o goberno do PP obviou as necesidades da cidade, vemos agora o resultado neste borrador que esperamos que sexa mellorado”.

“Raquíticos” e “ninguneo histórico”
A oposición non compartiu esa valoración da alcaldesa. Dende o BNG, sinalaron que a proposta é “decepcionante e totalmente insuficiente”. Salientan entre as “ausencias clamorosas” unha dotación suficiente para o enlace a Punta Langosteira, agora “raquítica” -10.000 euros-. Ademais, denuncian que non contempla a mellora da ligazón por tren a Lugo nin se dota adecuadamente a variante Betanzos.

Pola súa banda, o presidente do PP local, Martín Fernández Prado, pregúntase “que xestións fixo Inés Rey ante o Estado para defender os investimentos na nosa cidade”. Ven un “ninguneo histórico” nos orzamentos, así como unha “humillación” para a Coruña, o PSOE e a alcaldesa. Lamentan que desaparezan investimentos como os de Alfonso Molina, Víal 18 ou 4a Ronda. Critican tamén que non recolla “nin un euro” para o tren a langosteira nin para condonar a débeda do porto.

A Marea Atlántica declarou, a través da súa voceira municipal, María García, que “os orzamentos son rácanos para Galicia, un 11% menos que o último presuposto aprobado, e son un novo insulto para a Coruña”. Lamentan que “a nosa cidade é o pulmón social e económico do país e o único que recibe é maltrato”. Cualifican a proposta como “un fracaso de Inés Rey e o seu prometido teléfono vermello do clientelismo socialista, que ou está fóra de cobertura ou comunica”. Ante esta situación, María García presentaralle unha carta á alcaldesa para esixir que convoque o Pleno Extraordinario proposto pola Marea Atlántica e apoiado pola maioría da Corporación. “A Coruña ten que facerse escoitar, cunha voz unánime”, asegura a voceira da Marea.

Infraestrutura estratéxica
A Cámara de Comercio tamén se manifestou sobre os Orzamentos. Fíxoo sinalando que a execución urxente da obra do camiño de ferro a Punta langosteira é “imprescindible para a viabilidade e competitividade das operacións do Porto da Coruña”, xa que “un porto sen ferrocarril non é un porto operativo”. Consideran que a infraestrutura “axudará a optimizar o transporte por estrada, reducindo a contaminación”. A envergadura do proxecto e o seu carácter estratéxico sobarda as capacidades financeiras da Autoridade Portuaria, motivo polo que debe ser asumido, indican, polo Goberno central como “proxecto de Estado”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s