
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, compareceu esta mañá para dar conta dos acordos tomados onte polo comité clínico da Xunta.
Os concellos como a Coruña e Arteixo que xa tiñan restricións ven estas incrementadas. “A curva demostra que as decisións de peche interior de establecementos, perimetral e dos servizos non esenciais non fixeron á taxa desplomarse”, sinalou, adiantando que en 60 concellos galegos se procederá a pechar perimetralmente o municipio, pechar os servizos esenciais e o interior dos establecementos.
O avance da pandemia causará a ampliación das restricións, que entrarán en vigor ás 00h do sábado e durarán un mes. Trátase de optar por medidas breves e duras fronte ás longas e laxas. No noso e nos outros municipios afectados, restrínxense as actividades non esenciais, permitíndose só os movementos laborais, educativos, de coidados e sanitarios. O comercio funcionará co mesmo criterio que no resto de Galicia. Pechará a hostalería, coa excepción do servizo a domicilio e para levar. A práctica deportiva será individual. O aforo en cines e auditorios queda reducido a 30 persoas -75 en exteriores-. A entrada e saída da área seguen pechadas.
Feijoo recordou que neste momento hai 80 persoas na UCI en Galicia -a metade do pico de 178 en abril-. A hospitalización tamén está aproximadamente na metade da taxa de abril. “Estamos lonxe do estrés hospitalario, pero non queremos que se incremente a ocupación e se deixe de atender outras patoloxías pola loita contra a COVID-19”, sinalou. Feijoo mandou unha mensaxe de apoio á hostalería, desexou reabrila en decembro e adiantou que o consello da Xunta de mañá avaliará medidas de apoio ao sector.