
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a proposta de modificación das taxas e tributos locais que o Goberno municipal levará a Pleno esta semana. Os cambios afectan a un total de 9 ordenanzas e teñen como obxectivo, indicou a alcaldesa, “realizar un repartimento máis xusto das cargas fiscais e baixarlle os impostos a quen ten menos recursos”. Rey anunciou que esta proposta recolle a exención da taxa de terrazas durante todo o ano 2021 para as hostaleiras e os hostaleiros da cidade.
Tamén inclúen unha rebaixa importante do imposto de construción instalación e obras (ICIO) para actuacións de rehabilitación, total ou parcial, que supoñan unha posta en valor da zona PEPRI. Así, quen leve a cabo tarefas de rehabilitación en vivendas ou edificios residenciais catalogados nese ámbito pagará a metade da taxa. “Trátase de buscar un incentivo máis para fomentar a recuperación da zona histórica da cidade”, indicou Inés Rey.
A alcaldesa avanzou tamén unha rebaixa substancial do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (IVTNU), as coñecidas como “plusvalías”. Esa rebaixa aplicarase nos casos de herdanza e incluirase un novo tramo de bonificacións que até o de agora non existía e que implicará unha redución de máis da metade do que aboaban até o momento as persoas afectadas por ese imposto.
Coa modificación proposta, A Coruña sería, xunto con Pontevedra, a cidade galega co imposto máis reducido e a única que aplica criterios de renda para ofrecer bonificacións.
Ademais, a ordenanza inclúe tamén na súa redacción a exención total da taxa para casos de execucións hipotecarias e dacións en pago. “Aínda que estes cambios supoñen unha redución substancial dos ingresos municipais, entendemos que nun momento como este é fundamental axudarlles aos que peor o están a pasar”, dixo Rey, quen recordou tamén que as familias numerosas terán unha bonificación do 50% no recibo do lixo.
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxima Interior, e voceiro do Goberno, José Manuel Lage Tuñas, especificou, por outra banda, que todos os cambios propostos suporán unha rebaixa da recadación para o concello de case 650.000 euros.
Lage Tuñas avanzou que o Goberno levará a Pleno a suba das taxas que aboan os titulares dos caixeiros de entidades bancarias accesibles desde a rúa e tamén as licenzas de apertura para salas do xogo na cidade. No primeiro caso, o incremento chega ao 50% (cada caixeiro pagaralle ao concello 630 euros ano, fronte aos 420 do anterior mandato) e ao 100% no caso das salas de xogo, bingos e casinos, que pasarían de 744 euros a 1.488 euros. “O incremento sobre as salas de xogo busca frear a proliferación dese tipo de negocios na cidade”, indicou Lage Tuñas, quen recordou os crecentes problemas de ludomanías asociados ao xogo.
As rebaixas nas taxas e tributos implicarán para o concello deixar de ingresar 680.911 euros ao ano, mentres as subidas supoñen 31.912 euros máis. Así, a baixada de impostos suporá unha diminución estimada de 648.999 euros na caixa municipal.
Tamén se levarán a Pleno outros cambios, como unha actualización das tarifas do servizo de extinción de incendios, que non ten incidencia na cidadanía, xa que as aboan as compañías aseguradoras, e regularízase a situación alegal en que se atopaban as praceiras de Durmideiras, se equiparamos as súas tarifas coas do Mercado de Monte Alto.